Inaugúrase outra grande exposición dos artistas galegos que tiveron que fuxir e emigrar na Guerra Civil

A mostra, organizada por Afundación, realiza un percorrido pola historia da arte galega vinculada á emigración do século XX. Nela poderanse ver obras de Castelao, Eugenio Granell, Luis Seoane, Díaz Pardo ou Laxeiro.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 04/10/2018 | Actualizada ás 20:51

Comparte esta noticia

ABANCA e Afundación presentaron este xoves en Ferrol a exposición «A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración», un percorrido pola historia da arte galega do século XX a través de obras de artistas que viviron na emigración, moitos deles, por motivos políticos tras o inicio da Guerra civil. E como na exposición do Gaiás, Castelao é outro dos grandes artistas presentes.

Autoretrato de Castelao
Autoretrato de Castelao

Este proxecto expositivo reúne 40 obras de 19 artistas galegos procedentes de fondos das Coleccións de arte de ABANCA e Afundación, declaradas Ben de Interese Cultural. Castelao exerce de punto de partida deste percorrido, en cuxa obra a emigración é un tema recorrente, e continúa con traballos de artistas exiliados en América tras a Guerra Civil, como Manuel Colmeiro, Arturo Souto, Eugenio Granell, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Laxeiro

A través deles obsérvase a evolución da súa produción artística, na que está presente o país que deixaron atrás e a nova realidade americana, adoptando as expresións dunha sólida renovación formal que os conecta coas correntes internacionais máis avanzadas.

O percorrido finaliza cunha representación das novas xeracións formadas na posguerra, un colectivo que protagoniza un novo fenómeno migratorio, esta vez principalmente cara a Madrid, o centro do sistema da cultura dominante, e outras cidades como Nova York ou París. Algúns dos representantes desta época que aparecen nesta mostra son Leopoldo Nóvoa, Jorge Castillo, Manuel Mampaso, Luís Caruncho, Antonio Lago ou Tino Grandío. 

Ademais, con motivo desta exposición, a Área Educativa de Afundación deseñou un completo programa didáctico dirixido a escolares, proxectado segundo as idades dos participantes e no que xa se inscribiron máis de 700 estudantes. A mostra permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 5 de xaneiro, de luns a venres en horario de 17.00 a 21.00 h e os sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta