Un helicóptero e dúas embarcacións buscan ao pescador desaparecido en Camariñas

Desapareceu na tarde deste domingo nas proximidades da Ermida da Virxe do Monte.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2018 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

O centro de Salvamento Marítimo de Fisterra coordina desde primeira hora deste luns os labores para tratar de localizar ao mozo de 25 anos que desapareceu este domingo, cando pescaba con cana nas proximidades da Ermida da Virxe do Monte, en Camariñas (A Coruña).

Pesca recreativa en Galicia
Pesca recreativa en Galicia | Fonte: pxhere.com.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes de Salvamento Marítimo, despois de que o domingo non se localizase ningún rastro do mozo, o operativo renovouse á primeira hora deste luns.

Nel participan, por aire, o helicóptero Helimer 210; e, por mar, a Salvamar Altair e a lancha da Cruz Vermella Carme. Ademais, tamén hai efectivos do grupo de actividades subacuáticas da Garda Civil.

Por terra tamén hai un dispositivo de efectivos do que forman parte, entre outros, membros de Protección Civil de Muxía e de Camariñas.

A alerta, segundo o servizo de emerxencias do 112 Galicia, produciuse ás 14,30 horas, mediante a chamada dos voluntarios de Protección Civil de Muxía, que foron avisados polos compañeiros do novo.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou a Europa Press que o desaparecido é un mozo de 25 anos, que quedara cun grupo de case cincuenta persoas para pescar como afeccionados, e que foi visto por última vez ao redor das 11,30 horas.

O 112, tras recibir a alerta, puxo a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo, e iniciouse un dispositivo que, até a caída da noite, non deu ningún resultado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta