Beiras visitará a Oriol Junqueras e Raúl Romeva na cadea

Estará acompañado por Antón Sánchez e o obxectivo é expresarlle a solidariedade ao conxunto de presos políticos e exiliados cataláns “inxustamente perseguidos por impulsar o referendo do 1 de outubro de 2017”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/10/2018 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

Beiras acudirá a Cataluña e, desta volta, non será para participar en ningún acto político, senón para visitar aos dous dirixentes de ERC presos, Oriol Junqueras e Raúl Romeva. O encontro terá lugar o vindeiro 10 de decembro na prisión de Lledoners onde os dous dirixentes políticos permanecen en prisión preventiva á espera de xuízo. 

Beiras diante dunha estelada, a bandeira utilizada polos independentistas en Cataluña
Beiras diante dunha estelada, a bandeira utilizada polos independentistas en Cataluña | Fonte: elobrero.es

O encontro, ao que tamén acudirá Antón Sánchez, pretende mostrar a solidariedade de Anova cos dirixentes políticos de formacións legais presos para que poidan realizar o traballo político nas rúas e nas prazas, e tamén nas institucións nas que foron electos, como é o caso do dirixente de ERC Oriol Junqueras. “Entendemos que o feito de que sigan en prisión preventiva é unha mostra máis da deriva autoritaria que atravesa aos poderes do Estado español diante das demandas democráticas postas enriba da mesa por boa parte da sociedade catalá”, apunta a formación nun comunicado.

Anova Irmandade Nacionalista insiste na súa defensa da autodeterminación e, polo tanto, do proces catalán. “O Estado español debera recoñecer antes ou despois o que fixeron xa Canadá ou Reino Unido: o de entender que os conflitos políticos no século XXI teñen que dirimirse abrindo as urnas, e non poñendo freos á democracia”, sinala. Así, lembra que imaxes como a das cargas policiais nos colexios electorais nese histórico 1-O forman parte da historia máis negra do Réxime do 78 e “son impropias de calquera democracia”.

Por iso, din ver con preocupación determinadas afirmacións dos voceiros da dereita española que non descartan a opción de ilegalizar partidos políticos independentistas. “Este tipo de afirmacións evidencian unha concepción cativa da democracia, que non acepta a existencia dun marco de respecto dos nosos dereitos sociais e nacionais e que mesmo pon en perigo dereitos e liberdades civís consagrados no propio ordenamento xurídico vixente”, engade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 arredista

E Fernán Vello está a visitar aos presos arredistas galegos e loitando no Congreso para que, alomenos, se acheguen as cadeas do País. A esquerda independentista galega sempre coa dignidade democrática nacional e internacionalista.