Procesan a cúpula de Caixanova por unha perda de 43 millóns nunha operación inmobiliaria en Pontevedra

Evitaron "a máis elemental dilixencia" para comprobar e asegurar a viabilidade do proxecto e omitiron información ao Consello da entidade.

Por Europa Press / Redacción | | 31/10/2018 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

O titular do Xulgado Central de Instrución número 5 da Audiencia Nacional, José de la Mata, propuxo xulgar a sete persoas, entre as que se atopa o expresidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e parte da súa cúpula directiva, por unha operación inmobiliaria no municipio pontevedrés de Cangas do Morrazo que ocasionou un "quebranto" de 43,1 millóns de euros á entidade.

Julio Fernández Gayoso. EUROPA PRESS - Archivo
Julio Fernández Gayoso. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Nun auto no que pon fin á instrución, De la Mata propón en concreto que se xulgue a Gayoso, así como aos directores Xenerais Adxuntos Ángel López Corona, Gregorio Gorriarán Laza e Óscar Rodríguez Estrada; ao xefe de Empresas Participadas en Caixanova Juan Manuel Gutiérrez Ois e os administradores de Atlántico Construcciones y Promociones, Ubaldino Rodríguez e a súa muller, Natividad González. Arquiva as actuacións para outro once investigados.

Entende que hai indicios suficientes da comisión dun presunto delito societario continuado na súa modalidade de administración desleal de xestión fraudulenta de patrimonio social e outro de apropiación indebida naquela operación, que foi investigada nunha peza separada ao fío das pescudas sobre a xestión de Caixanova.

Trátase dun proxecto inmobiliario que querían acometer Atlántico Construciones e a extinta caixa de aforros, que achegaría o financiamento, en Cangas do Morrazo, para a promoción dunha urbanización con vivendas, comercios e servizos, así como a construción e explotación dun porto deportivo, todo, cun investimento máximo de 151 millóns de euros.

O proxecto desenvolveríase a través de dúas sociedades (CRMA e RMA) participadas ao 50 por cento polos dous socios, pero o xuíz, após analizar toda a operación, considera que foi deseñada específica e deliberadamente polos investigados para que o custo o asumise Caixanova e polo tanto, as perdas, que superaron os 43 millóns de euros.

Mentres, a construtora limitábase a inxectar no proxecto as cantidades que ía recibindo de Caixanova, cuxos directivos deron luz verde a financiar a iniciativa pese ao "altísimo" risco da operación, xa que a situación urbanística dos terreos facía imposible o seu desenvolvemento. De feito, once anos despois, o Plan Xeral de Ordenación Urbanística imprescindible para a promoción segue sen aprobarse.

O xuíz apunta que os directivos de Caixanova conseguiron que os órganos corporativos da entidade adoptasen os acordos necesarios para dotar ao proxecto en cada momento das fontes de financiamento necesarias, "ocultando a inexistencia de suficiente análise técnica que soportase a asunción do risco na fase inicial e sen prover a información suficiente en relación cos sucesivos acordos que se foron adoptando, en particular en canto á situación urbanística dos terreos e á viabilidade legal e técnica do proxecto".

NIN SEQUERA INFORMARON Á XUNTA

Deste xeito, os directivos de Caixanova conseguiron que se acordase a alianza cun socio que non tiña capacidade económica e financeira para materializar a compra dos terreos nin para asumir de modo independente a parte do proxecto que lle correspondía, sen avaliar o prezo razoable dos terreos e pagando por eles, en consecuencia, unha "cantidade elevadísima e non xustificada en absoluto", para "ocultar aí as enormes plusvalías" de Ubaldino Rodríguez e Natividad González, responsables da construtora.

Ademais, explica, disimulouse o abono dun canon a Rodríguez "inxustificado" no pago do prezo dos terreos, se omitiu a realización dunha auditoría legal e evitouse a "máis elemental dilixencia para comprobar primeiro e, para asegurar despois, a viabilidade do proxecto e subtraendo aos órganos corporativos de Caixanova (Comisión Delegada e Consello de Administración) a información apropiada para que puidese tomar decisións informadas".

De la Mata subliña tamén que na lexislación autonómica establécese que é competencia da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en relación coas caixas de aforros da comunidade, autorizar as tomas de participación de capital superiores ao 20 por cento, autorización que deberá ser expresa, previa e escrita.

Neste caso, sinala o maxistrado, o acordo do Consello de Administración de Caixanova foi adoptado, por tanto, antes sequera de comunicar á Xunta de Galicia a existencia do proxecto e a toma de participación pretendida. Tampouco a Comisión Nacional do Mercado de Valores foi informada, "pois nin o informe de goberno corporativo correspondente a 2005 nin nos seguintes faise mención a tan abultado investimento".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Ladróns con garabata, ladróns de misa dominical.