Villares a Feijóo: "Vostede goberna para os ricos mentres que a un 40% dos galegos cústalle chegar a final de mes"

O líder de En Marea recrimínalle que só se preocupe por baixar o imposto do patrimonio "para as rendas máis altas". Feijóo responde que a "Xunta fai a política contra a pobreza que non fan os alcaldes das mareas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2018 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quixo defender este mércore a súa política en materia de política social e dixo que "fai a política contra a pobreza que non fan os alcaldes das mareas de Podemos". Unha contestación  na sesión de control á dura crítica que lle fixo Luís Villares, líder de En Marea, que alertou da "precariedade" laboral que hai na comunidade, con "valores escandalosos" nos colectivos de mozos e mulleres.

Alberto Núñez Feijóo no Parlamento. XUNTA - Archivo
Alberto Núñez Feijóo no Parlamento. XUNTA - Archivo | Fonte: Europa Press

"A medida estrela de Feijóo foi unha baixada de impostos. E que baixa e a quen? O Imposto de Patrimonio, un auténtico agasallo e un favor fiscal para os máis ricos. É algo escandaloso, mentres a xente non chega a fin de mes, regálalles millóns de euros aos máis ricos", reprobou Villares.

Con estes millóns que --acusou-- o Goberno galego "regala aos ricos", o dirixente rupturista esgrimiu que se poderían pagar miles de prestacións Risga ao ano e de gardas en puntos de atención continuada como o da Estrada (Pontevedra), onde morreu un paciente o pasado verán.

"Non te deitarás sen saber unha cousa máis", contestou Feijóo, quen puxo en dúbida o "rigor" dos datos de Villares e afeoulle que afirme que "en Galicia hai 1,2 millóns de persoas que viven en situación de precariedade", cando Galicia ten "mellores datos que España" no que incumbe ao desemprego.

"ÚNICO" GOBERNO QUE "SUBIU" PATRIMONIO

"Por que mente tanto?", engadiu o presidente galego, quen se mostrou convencido de que Villares "non quere mentir", senón que o problema reside en "quen lle fai os papeis". "Hoxe a taxa de desemprego é inferior e tamén baixou o número de fogares con dificultades", sentenciou.

Dito isto, admitiu que non está "de acordo" coa taxa de paro que aínda así sofre Galicia, aínda que reprobou a "visión apocalíptica" que, ao seu xuízo, ofrece a oposición. "De que se me acusa?", preguntou, antes de esgrimir que o seu Executivo foi o "único" que "subiu" o Imposto de Patrimonio.

"Subímolo e agora deixámolo de acordo coa tarifa estatal e co que había cando chegamos", remarcou Feijóo, quen sinalou que a decisión de incrementar este tributo adoptouse en época de recesión económica.

Ademais, sinalou que a tarifa que agora se aplicará en Galicia no ámbito de Patrimonio é "a mesma" que en comunidades onde goberna Podemos. "Ou é que Podemos de Castela-A Mancha quere beneficiar aos ricos? Pois é a mesma tarifa. Pídolle que lembre que o único Goberno que subiu Patrimonio foi o que presido", resolveu.

"GOBERNA PARA OS RICOS"

"Vivimos en Galicia, non en ningún outro lugar, e vostede goberna para os ricos", dixo Villares, antes de preguntarse se as familias "normais" de Galicia poderán entender que "xente multimillonaria" con patrimonio de millóns de euros reciban "agasallos fiscais" mentres "hai un 40 por cento de persoas que non chegan a fin de mes".

"Un favor económico que se fai negando dereitos a quen se necesita. En Galicia hai 108.000 persoas en situación de pobreza severa. Son datos oficiais. E cos 18 millóns que nos custa o seu agasallo aos ricos, poderían vivir case 54.000 persoas, a metade", subliñou.

FEIJÓO ALUDE Á SITUACIÓN DE VENEZUELA

Feijóo contestou que lle "preocupa" a taxa de pobreza, pero subliñou que non só "descendeu" senón que é "das máis baixas de España". "E estamos dentro do cinco comunidades con menor porcentaxe de persoas con carencias severas", dixo.

Do mesmo xeito, insistiu en que, desde que chegou ao Goberno, a súa "obsesión continuada" foi "baixar impostos ás rendas baixas e medias", facéndoo até sumar unha contía de 1.000 millóns de euros. Tamén recalcou que o seu Executivo foi "o único" que "subiu" Patrimonio.

Dito isto, afeou a Villares as declaracións de Íñigo Errejón sobre a situación de Venezuela. "A vostedes danlles igual os datos. Din que en Venezuela se come tres veces ao día e punto. Vir en nome desa ideoloxía a falar de pobreza severa en Galicia, cando estamos a recibir a venezolanos que non poden comer, é sorprendente", advertiu Feijóo.

A continuación, trasladou a Villares que "sen Podemos" el "non estaría" onde está. Dito isto, concluíu a súa intervención instando ao dirixente rupturista a "botar unha man" tendo en conta que --remarcou-- "a Xunta fai a política contra a pobreza que non fan os alcaldes das mareas de Podemos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pasmao

Cuando Villares habla de ricos suponemos que lo hará en primera persona, como corresponde a un tipo que tiene chófer y coche oficial, además del resto de miembros de su grupo parlamentario con sueldos igualmente siderales, o no?