Concellos galegos vístense 'En negro' para combater as violencias machistas

Son, sobre todo, administracións gobernadas polo PSdeG, as mareas e o BNG. A campaña 'En negro contra as violencias machistas' iniciouse en 2015 en Santiago e chega agora a 102 municipios e tres deputacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2018 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

Máis dun centenar de municipios de toda Galicia, así como as deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra, participarán na campaña 'En negro contra as violencias machistas', promovida desde 2015 polo Concello de Santiago e que en 2018 estende xa unha rede que alcanza "a case o 50 por cento da poboación" galega para "combater" contra esta "lacra social".

102 Alcaldes E Alcaldesas De Galicia Presentan A Campaña 'En Negro'. CONCELLO DE SANTIAGO
102 Alcaldes E Alcaldesas De Galicia Presentan A Campaña 'En Negro'. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Así o expresou o alcalde compostelán, Martiño Noriega, durante a recepción que se celebrou este luns no Pazo de Raxoi. Alí, os máis de 70 representantes das administracións locais asinaron o convenio de adhesión á iniciativa.

No acto interviñeron, ademais do rexedor da capital galega, os alcaldes e alcaldesas de Allariz, Cristina Cid; de Lugo, Lara Méndez; de Moeche, Beatriz Bascoy; de Mugardos, Pilar Díaz Otero; de Nigrán, Juan González; de Tomiño, Sandra González; de Sarria, Pilar López; e de Narón, Marián Ferreiro. Ademais, acudiron os deputados provinciais Ánxela Franco (A Coruña), Sonsoles Pérez (Lugo) e Montserrat Magallanes (Pontevedra).

A encargada de abrir o acto foi a concelleira de Igualdade de Santiago, Marta Lois, quen reivindicou que as corporacións locais tamén "poden achegar o seu gran de area" contra as violencias machistas. Así mesmo, Noriega apelou á "corresponsabilidade de todos os colectivos veciñais e institucións" neste ámbito, á vez que valorou a "colaboración económica" da iniciativa privada.

En canto á campaña, que se iniciou no ano 2015 no ámbito local da capital galega, valorou que se estenda actualmente por un centenar de municipios: "Deixou de ser nosa para ser da xente". E isto é, precisamente, o que "forma parte do éxito" da iniciativa, tal e como o apuntou.

UN "LABOR CONXUNTO"

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo fixo un chamamento a que a loita contra as violencias machistas sexa "un labor conxunto" das administracións, porque "as cuestións de Estado están por enriba de cuestións partidistas".

"Fomos, somos ou podemos ser vítimas de violencias machistas, que poden ir desde unha violación até o asasinato", aseverou Méndez, quen tamén celebrou que "a cuarta onda do feminismo" chegase "para quedar".

Así, a deputada provincial da Coruña Ánxela Franco apostou por "dar visibilidade a un holocausto diario, escondido e esquecido" que é, segundo as súas palabras, o machismo. Ademais, manifestou que "non se pode consentir que a educación vaia de costas" a esta realidade.

De igual modo, a deputada lucense Sonsoles López celebrou que na provincia sexan xa 30 municipios que participan na campaña 'En negro', "uns 16 máis que o ano pasado". No entanto, descartou ser "optimistas" neste aspecto: "Temos que seguir estando aí todos, pouquiño a pouco modificando o panorama".

A deputada provincial de Pontevedra Montserrat Magallanes erixiu á campaña 'En negro' nunha "iniciativa moi importante e necesaria", porque a sociedade "non pode ser do século XXI se non combate" as violencias que se perpetran "contra a metade da sociedade polo simple feito de ser mulleres". Ademais, valorou a "importancia" de que participe "toda a sociedade civil".

Ao non participar na iniciativa a Deputación de Ourense, no seu lugar tomou a palabra a alcaldesa de Allariz, quen pediu "compromiso social e político", ademais de "financiamento", elementos "necesarios" para poder "combater esta lacra".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta