De Irvine a Mugardos

Loito e pesar patrio, de California a Mugardos, polo falecemento de Xosé Fernández Barcia.

Por Gabriel Rei-Doval | Irvine (California, USA) | 14/11/2018 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

O pasado agosto xuntámonos por vez derradeira n’A Esquina. Xosé confesoume que se ía crendo na nación galega. Eu retruqueille con sorriso empático que inda non lle tocaba. Equivoqueime. Xosé Fernández Barcia deixounos onte en Mugardos, e con el foise unha maneira diferente de entender, desde a bonhomía, a política local e nacional. 

Heisler Park en Laguna Beach (California)
Heisler Park en Laguna Beach (California)

Chegou sen estridencias. Convenceume para irmos xuntos –eu ó final da lista– na candidatura municipal mugardesa do BNG de 1999. Acompañeino en varios mitins e observei a súa maneira comprometida e tranquila de facer política, todo un luxo nun mundo en que vociferar máis alto axuda a gañar votos. Lembro o mítin do Seixo, el con voz humilde e digna demostrando que as cousas podían facerse doutro xeito. E o pobo elixiuno, foi concelleiro, e despois doce anos alcalde da Real Vila de Mugardos. Exerceu liderado e bonhomía a partes iguais, sen facer ruído. Reformou o peirao, modelou en madeira o seu aspecto actual, e a vila gañou vida co Paseo da culebra cara á Besta Ruza, coa sinxeleza que inda hoxe fai de Mugardos un modelo de resistencia pasiva ó urbanismo faraónico.

Xosé Fernández Barcia estaba sempre dispoñible para o diálogo nunha vila polarizada. Negociou con todos sen renunciar nunca ás súas ideas, falou con todos sen deixar de saber quen era. Con aquela súa mente, sempre aberta ó compromiso de sorriso afable. 

Con Xosé as Festas do Polbo tomaron nova dimensión no estío mugardés. Bonhomía e celebración a partes iguais, coleccionando sorrisos sen importa-la procedencia ou pretendida importancia do convidado. Sempre inclusivo, sen xerarquías, sen bandos.

Hai tres anos decidira dar paso a novas voces, novas maneiras de goberna-las cousas de Mugardos, e compartir inda máis con Mari. Deixara de dedicarlle horas investidas nas cousas de todos. Só tres anos van alá des que pasara a un lugar máis discreto. E fóisenos, crendo na nación galega, sen agardar pola xeada do ano novo. 

Desde aquí, no Pacífico Irvine californiano, enxérgase o infinito, máis alá dos desertos, lagos, sabanas, océanos e illas. E é miña a súa noite, porque os nosos soños seguen sendo iguais, e común seguimos tendo a patria e a loita ambos. No aquén e mailo alén, desde Montreal a Wisconsin e California, pasando por Mugardos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA