Por Europa Press / Redacción | LUGO | 19/11/2018 | Actualizada ás 12:19
Efectivos de emerxencias, forzas de seguridade e veciños colaboran nos labores de limpeza da zona de Xunqueira, a parroquia de Viveiro afectada este luns polas riadas nas que faleceu unha muller de 83 anos. Nos labores participan os bombeiros, efectivos de Protección Civil, a Policía Local, a Policía Nacional e os propios veciños, entre outros.
En concreto, estas fontes precisaron que os traballos se están orientando a retirar a auga e o barro das vivendas afectadas pola tromba de auga, provocada polo desbordamento do Río Ponte Labrada.
Segundo conta o Xornal da Mariña, as casas desta zona, na súa maioría vivendas unifamiliares de até tres plantas, están afectadas pola entrada de auga nos seus baixos, onde se centran as tarefas de limpeza. Tamén se viron danados algúns locais hosteleiros.
OFICINA DE ATENCIÓN AOS AFECTADOS
O Concello de Viveiro abrirá un servizo de atención aos afectados polas inundacións. A oficina emprazarase na casa consistorial e estará dispoñible durante un mes para facilitar as xestións e tramitacións das axudas estatais. Así o informa o Xornal da Mariña.
Pídeselles aos veciños que aporten fotografías dos danos sufridos para axilizar as peticións das axudas pertinentes.
VALORACIÓN
O servizo do 112 Galicia recibiu unhas 50 chamadas durante a noite do domingo. Os efectivos desprazados ata a parroquia da Xunqueira seguen a traballar arestora, mentres que o Consistorio estuda se procede a declaración de zona de especial emerxencia. Explicouno así a alcaldesa do municipio, María Loureiro, despois dunha primeira valoración.
Engadiu, ademais, que xa contactaran con ela tanto o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, como o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. Ámbolos dous trasladáronlle a disposición da Administración autonómica a colaborar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.