A dirección de Alcoa afirma que non acode ás reunións con políticos porque "non achegan nada"

A empresa asegura que non recibiu ningunha oferta de compra. Os traballadores din que a compañía actúa "de mala fe".

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 22/11/2018 | Actualizada ás 15:34

Comparte esta noticia

Os responsables da multinacional Alcoa afirmaron este xoves que non acudiron á mesa de traballo do mércores cos representantes políticos de diferentes administracións porque "o Goberno estatal non achega nada e non vai solucionar nada".

Protesta de traballadores de Alcoa este sábado na Coruña. CEDIDA
Protesta de traballadores de Alcoa este sábado na Coruña. CEDIDA | Fonte: Europa Press

Esta explicación foi ofrecida polos responsables da empresa aos membros do comité de empresa da planta de Avilés, xa que os da Coruña non asisten a estas reunións, no marco dun encontro dentro do período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego aberto pola empresa que expirará o 30 de novembro.

"A compañía xustificouse da ausencia da reunión de onte (mércores), porque era unha mesa política e non técnica onde non se ía a resolver nada. Parécenos actuar de mala fe por parte da empresa, porque nós só queremos discutir a viabilidade das plantas e o Goberno estatal debe ser o interlocutor", comentou o vicepresidente do comité de empresa, Daniel Cuartas.

En canto á reunión, Alcoa segue enrocada en non paralizar o ERE, pero "deixaron a porta aberta a ampliar o período de consultas", sinalou Cuartas. Os representantes dos traballadores pediron aos responsables da empresa, que "se quiten datas que crean inquietude entre os traballadores, e se abra unha negociación para falar de viabilidade, non de despedimentos", engadiu o representante do Comité.

Respecto da actuación do Goberno estatal neste asunto, o comité de empresa ten claro o que hai que facer. "Desde Traballo transmítennos que coa lexislación actual non poden botar para atrás o ERE, pero sabemos que o Goberno pode facer un decreto lei, como fan para outras cousas, e intervir directamente para eliminar o expediente de regulación de emprego. Está nas súas mans", explicou Daniel Cuartas.

A empresa transmitiulles que "non recibiron ofertas" de compra por ningunha das dúas plantas, aínda que desde o comité de empresa desconfían. "É surrealista que digan que o goberno non pode solucionar nada, nin achegar nada, e o Ministerio fale de posibles compradores, pero non se queiran sentar con eles", resaltou Daniel Cuartas.

O vindeiro luns ás 15,00 horas terá lugar a seguinte reunión entre comité de empresa e multinacional dentro do período de consultas en Madrid. "Esperamos nestes días movementos do goberno da nación, que o luns a empresa quite prazos e sente a negociar unha viabilidade para as plantas de Avilés e A Coruña", finalizou o vicepresidente do Comité.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta