Crecen as mobilizacións en contra dos novos parques eólicos aprobados de xeito exprés pola Xunta

Veciños de Carballo, Coristanco e Santa Comba protestarán diante do Concello de Coristanco este martes e unha petición en change.org pide paralizar outro proxecto en Paradela.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/11/2018 | Actualizada ás 08:15

Comparte esta noticia

Ordes, Cerceda, Frades, Muxía, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Carballo, Coristanco, Santa Comba e agora en Paradela… En moitos concellos crece a indignación pola aprobación exprés de parques eólicos por parte da Xunta grazas a Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariales en Galicia.

Zonas de afección do parque eólico  Bustelo – Campelo – Monte Toural
Zonas de afección do parque eólico Bustelo – Campelo – Monte Toural | Fonte: Adega

Este martes, unha representación da plataforma veciñal Non Eólicos Bustelo - Campelo - Monte Toural acudirá ao Concello de Coristanco para facer efectiva a entrega no rexistro municipal das máis de 1.000 sinaturas en contra dos parques eólicos previstos para a contorna da Braña Rubia recollidas ata o momento entre a veciñanza dos tres concellos afectados: Coristanco, Carballo e Santa Comba.

“Dende a Plataforma denúncianse os moi probables efectos negativos destas infraestruturas no ecosistema da zona, no desenvolvemento económico e o emprendemento local e na saúde das veciñas e veciños”, indica a entidade nun comunicado.  Ademais, anuncia que varios veciños acudirán o vindeiro mércores para amosar, unha vez máis, o rexeitamento dos proxectos diante da corporación municipal.

CAMPAÑA EN PARADELA

Por outra banda, un veciño do Concello de Paradela , Xan Valcárcel, iniciou a recollida de sinaturas contra a inminente instalación dos parques eólicos “Serra das Penas” e “Paradela” na plataforma change.org . O escrito, que solicita a paralización dos dous proxectos, conta xa con numerosos apoios.

Os responsables da instalación do parque, Enel Green Power, teñen previsto comezar ca expropiación dos bens en xaneiro. O despacho de avogados  “Asesoría Stellgus” denuncia que o proxecto non tivo en conta na súa tramitación a Declaración da Ribeira Sacra como ben de interese cultural aprobada pola propia Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta