Os xornalistas póñenlle un suspenso á liberdade de expresión en Galicia

Unha investigación académica mostra que as presións gobernamentais e a dependencia de fontes institucionais son os temas que máis afectan á situación do xornalismo galego a ollos dos propios traballadores. A nivel estatal, o asunto que máis preocupa é a baixa remuneración percibida polos profesionais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/11/2018 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

Os primeiros resultados dunha investigación na que colaboraron varias universidades españolas revelan que os xornalistas galegos lle poñen un suspenso á liberdade de expresión existente na nosa comunidade. Mentres que no conxunto do estado se considera que o que máis afecta á situación do xornalismo son os salarios percibidos polos profesionais, as maiores preocupacións en Galicia son as presións gobernamentais e a forte dependencia das fontes institucionais. Así se expuxo nun seminario celebrado este 29 de novembro na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, onde participaron os investigadores Marta Pérez Pereiro (USC) e Marcel Mauri (Universitat Pompeu Fabra), acompañados do vicedecano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro. 

Marcel Mauri, Marta Pérez e Xosé Manuel Pereiro, durante o seminario celebrado na Facultade de Ciencias da Comunicación (USC)
Marcel Mauri, Marta Pérez e Xosé Manuel Pereiro, durante o seminario celebrado na Facultade de Ciencias da Comunicación (USC)

Os datos que se presentaron foron extraídos dunha investigación enmarcada no proxecto Media Aces e na que traballaron investigadores de diferentes puntos do estado co obxectivo de descubrir a variedade de culturas xornalísticas que conviven neste territorio. No transcurso deste estudo realizáronse enquisas, tanto a xornalistas coma a cidadáns, para coñecer a impresión que teñen uns e outros sobre os medios de comunicación.

Os xornalistas galegos son os que teñen unha visión máis negativa da realidade do sector, de acordo ás respostas dos profesionais. "Temos un panorama mediático con moi pouca diversidade, presidido por unha liña editorial que podemos considerar gobernamentalista", afirmou Xosé Manuel Pereiro. Precisamente esas presións gobernamentais son as que máis afectan, segundo os propios traballadores, á situación do xornalismo na nosa comunidade. Iso súmase á estendida de que existe unha forte dependencia das fontes institucionais á hora de publicar información. De feito, na cuestión referida á liberdade de expresión, a puntuación media obtida dentro dun rango do 1 ao 10 situose por debaixo dos cinco puntos.

nivel estatal, os resultados son lixeiramente desiguais neste sentido. Á pregunta de que é o que máis inflúe no desenvolvemento do xornalismo, destacan as respostas que apuntan aos salarios percibidos polos empregados, seguidas da politización dos medios e das presións económicas.

Por outra banda, as redes sociais son vistas, xeralmente, de maneira negativa. "Lense os comentarios, pero non se entende que se teña que contestar aos usuarios", explicou a investigadora Marta Pérez. Ademais, segundo se precisou en base ás conclusións da investigación, nas redaccións dos medios "non hai interese polo que se deu en chamar xornalismo cidadán".

UNHA "CHAMADA DE ATENCIÓN" POR PARTE DOS LECTORES

Segundo avanzou Marcel Mauri ao comezo do seminario, a resposta dos cidadáns é "bastante dura coa profesión". Con todo, considera que esta "perda de confianza nos medios é unha chamada de atención" que non implica a morte do xornalismo. Segue estando patente entre a sociedade "a vontade de recibir información". 

Mauri coida que a profesión se atopa ante un "panorama preocupante a curto prazo", mais sinala que na medida que os xornalistas saiban ler e interpretar as esixencias dos lectores -transparencia informativa, rendición de contas...-, a percepción da cidadanía irá mellorando. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Vento Mareiro

O silêncio permanente en relación coa investigación que tiñan que utilizar as xornalistas galegas e algún dos xornalistas galegos na procura de información de interese para Galicia, é unha das partes do iceberg que se pode ver ao lonxe no navegar das cidadáns de Galicia ou Galiza (que tanto ten). O medo é libre!

1 Gamela

Supoño que a Lei Mordaza terá moito que ver neste asunto... https://youtu.be/XtwIhpVGJu0 Aínda que sobre periodismo cidadán case mellor nin falamos... pois cando se interpela aos novos políticos a súa resposta nas redes é desastrosa (bloqueando as contas da cidadanía son parte activa da Lei Mordaza que tanto critican!) Exemplo : https://i.gal/gamela08