Rueda cre que unha xestión galega da AP-9 podería atallar "subidas inaceptables" de peaxes

O vicepresidente da Xunta non ve lóxico que as tarifas desta autoestrada aumenten o dobre ca no resto de España. Agarda que todas as forzas parlamentarias apoien no Congreso o traspaso da titularidade da AP-9 a Galicia e que iso supoña o "paso definitivo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2018 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou este martes a súa aposta polo traspaso da titularidade da AP-9 a Galicia, unha cuestión que "pode mellorar moitas cousas" da súa xestión, como o interese por atallar "subidas inaceptables" de peaxes como a coñecida este luns.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, nun pleno do Parlamento. XUNTA
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, nun pleno do Parlamento. XUNTA | Fonte: CONCHI PAZ - Arquivo

Así llelo indicou aos medios ao ser interrogado polo debate que se celebrará este martes no Congreso en relación á proposta de lei aprobada en marzo de 2016 na Cámara galega para solicitar a competencia autonómica da AP-9.

Nesta liña, Rueda confiou en que este "non sexa un paso máis", senón "o paso definitivo" co que "se admita a trámite e por fin empece o procedemento para que esa titularidade, esa asunción da AP-9 por parte da comunidade autónoma, sexa unha realidade".

Alfonso Rueda asegurou que a Xunta "sempre mantivo a mesma postura" en relación a este asunto e expresou a súa satisfacción por que "o grupo popular no Congreso" vaia apoiar esta proposta.

"Espero que o resto dos grupos fagan o mesmo e hoxe empece o paso definitivo para que a AP-9 sexa de titularidade galega", indicou Rueda, que confiou en que "todos entendan que unha xestión desde Galicia pode mellorar moitas cousas". "Agora que estamos a ver unha serie de medidas que se toman en favor doutras autoestradas noutros territorios de España, creo que se fai máis xusto e máis evidente a necesidade de que a titularidade da AP-9 veña para Galicia", resumiu.

SUBIDA DAS PEAXES

Entre estas cuestións nas que a Xunta desexa intervir está a subida de peaxes, un tema sobre o que tamén falou Alfonso Rueda despois de que o luns se coñecese que a alza das peaxes da AP-9 será do 3,47% en xaneiro, fronte ao 1,67% do resto do Estado.

"Se se xestionase a AP-9 desde Galicia, tentariamos que isto non se producise", dixo Rueda, para quen a subida avanzada é "inaceptable". "Non é normal nin se pode aceptar que as tarifas da AP-9 suban de media o dobre do que están a subir no resto de España e, polo tanto, algo hai que facer", sentenciou Rueda, que pediu a Fomento, como titular, que "non siga de brazos cruzados" e "fale" con Audasa.

Finalmente, Alfonso Rueda trasladou o seu respecto pola demanda da Fiscalía contra os cobros de peaxes de Audasa durante as obras. "É unha decisión da Fiscalía que entendemos que se presenta despois de valorar os datos", explicou Rueda. A maiores, engadiu que "non parece normal que cando había que esperar horas e horas por grandes retencións, Audasa estivese a cobrar peaxes coma se estivese a dar un servizo normal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta