Galicia e a mellora do seu sistema educativo

Nos últimos anos na Unión Europea obsérvase un fenómeno rechamante e é que un dos seus membros máis pobres, que aínda sente os efectos dunha grave crise económica, está ascendendo cada vez máis na principal proba internacional de educación.

Por Óscar Lomba | Vigo | 18/12/2018

Comparte esta noticia
Portugal logrou que os seus alumnos e alumnas de 15 anos se situasen por riba da media da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), que agrupa aos países máis ricos do mundo, nas tres áreas de estudo avaliadas pola proba Pisa: ciencia, lectura e matemáticas.
 
Dende hai unha década e media Portugal mantén esa traxectoria nos seus resultados e é o único do continente europeo que mellora o seu desempeño cada ano. Nin sequera durante os períodos máis duros da última gran recesión, cando se reduciron os investimentos e houbo un forte axuste fiscal imposto polo Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Central Europeo e a Comisión Europea, freouse esta evolución. É tal a consistencia dos resultados, que Portugal hoxe recibe o alcumo informal de "estrela ascendente da educación internacional". E logrouno investindo nas persoas que compoñen a comunidade escolar, especialmente os pais e os nenos de 0 a 6 anos. Isto sitúa ao noso veciño entre os mellores do mundo, pero aínda está lonxe do rendemento dos sistemas educativos de referencia internacional, como Singapur, Finlandia, Hong Kong, Canadá e Suíza. O que Pisa e outras avaliacións amosan é que Portugal ten un nivel de país desenvolvido, pero aínda está lonxe de sumarse aos que están na parte superior da táboa de clasificación, porén os expertos recoñecen que non é casual que o país mostre avances na avaliación e están de acordo en que isto merece ser recoñecido.
 
Paréceme conveniente lembrar que un informe de 2017 indica que só 15 países, entre eles Portugal, adoptaron tres políticas nacionais básicas para apoiar aos pais de bebés e crianzas pequenas durante o período máis crítico do seu desenvolvemento: dous anos de gardaría de balde, pausas para aleitar no traballo para as nais novas durante seis meses e concesión dunha licenza parental axeitada. Porén non vou ocultar que de acordo cun informe publicado recentemente pola OCDE, malia os recentes avances, Portugal está entre os países máis desiguais desa organización, cunha gran proporción de adultos sen educación e niveis de desigualdade de ingresos por riba da media. O 10% máis rico teñen un rendemento case cinco veces superior ao 10% máis pobre, e a diferenza está relacionada coa baixa educación da poboación portuguesa, xa que o 55% das persoas entre 18 e 64 anos non concluíu o ensino secundario. E con todo partindo desas limitacións Portugal conseguiu optimizar o seu investimento en educación e obtivo resultados moi positivos.
 
Por todo o exposto considero que a Xunta de Galicia e a Conselleria de Educación deberían reformularse algunhas das estratexias que puxeron en práctica até agora e deberían botar unha ollada ás políticas educativas desenvolvidas polo noso país veciño, porque quizais poderían extraer algunhas conclusións interesantes.
 
Sendo certo que todos os sistemas educativos poden mellorar, sexa cal for o seu nivel de partida, tamén é verdade que os factores comúns que caracterizan aos países cuxo alumnado obtén mellor resultado nas avaliacións académicas adoitan desenvolver estratexias semellantes ou parecidas.
 
Por todo o exposto acho que a Consellaría de Educación debería centrarse nos procesos, pois considero que para mellorar as experiencias de aprendizaxe nas aulas é imprescindíbel apostar por cambiar algunhas estruturas no ámbito das súas competencias e ampliar o gasto público para incrementar os seus recursos (máis persoal ou maior gasto por alumno) e os procesos (modificar o currículo cando se estime necesario, mellorar a forma de ensinar ou de dirixir...). Todos estes cambios son importantes para progresar, pero a miña conclusión é que o noso sistema educativo mellorará se dedicamos máis esforzo a mellorar os procesos, é dicer centrándonos máis no “como ensinar” que no “que ensinar”.
 
Sen dúbida cada nivel educativo require dunha diferente intervención e as estratexias que debe adoptar a Consellaría de Educación deberían basearse na mellora e perfeccionamento das capacidades de ensinanza dos docentes, analizar como avaliar axeitadamente aos alumnos ou asegurar a correcta e xusta remuneración e recoñecemento dos devanditos docentes.
 
Os sistemas educativos que progresan dun nivel bo a estadios máis altos caracterízanse por aumentar as responsabilidades e o nivel de flexibilidade dos centros de ensino e os docentes para mellorar os procesos. Destacan tamén por establecer prácticas de colaboración entre profesores como mecanismo para mellorar a práctica do ensino.
 
Un dos puntos de arranque para optimizar os nosos recursos sería outorgar un papel máis importante aos propios centros escolares e proporcionarlles a autonomía, o apoio económico e a profesionalización necesaria para que poida mellorar a calidade das escolas e do profesorado.
 
Os nosos veciños portugueses están poñendo en práctica estratexias intelixentes e sólidas que radican en traballar xuntos e consistentemente na articulación, organización e cooperación da sociedade educativa e as familias. Hai xente que esquece que a educación é moito máis que a escola. A miña percepción xeral é que as institucións educativas portuguesas están ben estruturadas, co foco no desempeño do alumnado, xerando espazos para a crítica entre operadores educativos e cunha boa planificación.
 
A comunidade educativa galega debería dar máis importancia ás actividades orientadas á recuperación e retroalimentación dos propios procesos de emisión de contidos, ás relacións pedagóxicas, ás adaptacións curriculares e ao apoio individualizado ofrecido a cada alumna ou alumno. Estimo que o desafío das escolas e centros educativos galegos é instigar o éxito a través da discriminación positiva e reforzar a consistencia da comunidade estudantil. Outro dos factores que probabelmente inciden no noso sistema educativo é o envellecemento progresivo da poboación e iso podería xerar outro desafío: a resistencia á innovación.
 
A principal cuestión é que se os cambios son sólidos, consistentes e permiten que as xeracións futuras teñan mellores perspectivas, construímos unha sociedade máis libre, igualitaria e capaz de beneficiar a aqueles que non teñen boas condicións.
 
Como conclusión final diría que se desexamos perfeccionar o noso sistema educativo debemos desenvolver mecanismos eficaces para seleccionar aos mellores profesores e aos docentes mellor cualificados. Ademais para contar con claustros de calidade non deberiamos confiar no azar nin pensar que son froito da casualidade, xa que só conseguiremos os claustros cos mellores profesores co desenvolvemento de políticas axeitadas para atraer aos mellores docentes. Os mellores sistemas educativos desenvolven mecanismos eficaces para seleccionar aos profesores mellor formados e con maior vocación e esixen que cumpran determinadas características antes de exercer a profesión, como habilidades de comunicación e alta motivación cara á docencia. Galicia debería implementar asemade unha mellora da formación continuada, unha actualización da capacitación docente dos educadores con máis de 25 anos de exercicio e unha reconsideración doutras cuestións nas que expertos, docentes, alumnado e pais deberían ter un papel determinante.

Protestas de pais, estudantes e profesores do CEIP Vilar de Barrio polos recortes na educación
Protestas de pais, estudantes e profesores do CEIP Vilar de Barrio polos recortes na educación | Fonte: remitida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.