Desarticulado un grupo de furtivos que extraía ameixa de forma ilícita nas rías de Vigo e Pontevedra

Axentes da Garda Civil estiman que durante o 2017 se lles incautaron 1.620 quilos de ameixa e calculan que os prexuízos económicos causados ascenden aos 13.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 26/12/2018 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

A Garda Civil desarticulou un grupo organizado de sete mariscadores furtivos que se dedicaban á extracción de ameixa de forma ilícita nas rías de Vigo e Pontevedra. En ocasións teñen utilizado embarcacións con matrícula falsa para evitar a súa identificación.

[Grupovigo] Nota De Prensa. GUARDIA CIVIL
[Grupovigo] Nota De Prensa. GUARDIA CIVIL | Fonte: Europa Press

Segundo explicou o Instituto armado, no marco da operación 'Tivo', os axentes comprobaron que este grupo, formado polo menos por sete persoas, actuaba de forma coordinada. Así, mentres uns extraían ameixa, outros realizaban labores de vixilancia para evitar o control que exercen os gardapescas e os distintos corpos de seguridade.

A Garda Civil detallou que, durante o ano 2017, estas persoas foron obxecto de 132 denuncias por marisqueo furtivo nas que superaban as cotas máximas autorizadas. Segundo indicou, chegaron a darse casos de capturas de 306 quilos de ameixa extraída de forma ilegal nun só día, cando a media autorizada para ese mesmo recurso se atopa en 8,75 quilos por mariscador e xornada autorizada.

Ademais, nalgunhas ocasións, as persoas investigadas foron identificadas realizando esta actividade até un total de cinco veces nun só día de traballo.

INVESTIGACIÓN

Os axentes calcularon que durante o ano 2017 se lles interviron 1.620 quilos de ameixa e taxaron en preto de 13.000 euros os danos e prexuízos causados á Confraría de Pescadores de San Telmo.

Na operación foron investigadas sete persoas, na súa maior parte veciños do municipio pontevedrés de Poio, por presuntos delitos relativos á protección da flora e a fauna e por realizar actividades de marisqueo relevante.

Ademais, dous dos integrantes deste grupo foron investigados penalmente por un presunto delito contra a saúde pública, ao dar positivas en concentración de toxinas unhas mostras obtidas das ameixas que se lles comisou cando realizaban esta actividade ilícita no lugar de Acuña (Vilaboa, Pontevedra). Esta zona está clasificada como C e, polo tanto, está prohibida a extracción deste recurso por alta concentración de toxina (E.Coli).

Por último, na operación tamén se procedeu á intervención dunha das embarcacións con matrícula falsificada que empregaban para realizar a actividade furtiva de marisqueo. Por iso, a Garda Civil atribúelles a tres dos investigados un delito de falsidade en documento oficial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta