O Supremo rexeita atenuar a condena ao home que deixou á súa sorte a súa ex parella tras case matala

O tribunal confirma os case 15 anos de prisión que lle impuxera a Audiencia de Pontevedra e que o agresor pretendía reducir alegando desistimento

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/12/2018 | Actualizada ás 16:20

Comparte esta noticia

A Sala do Penal do Tribunal Supremo rexeita aplicar o desistimento activo e a atenuante de reparación a un home que, despois de agredir brutalmente á súa exparella, a abandonou no coche a 30 metros da entrada de urxencias do hospital cun coitelo cravado no pescozo.

Manifestación en Vigo contra a violencia machista
Manifestación en Vigo contra a violencia machista | Fonte: Miguel Núñez.

O tribunal desestima o recurso do condenado e confirma a pena de 14 anos e 11 meses de prisión que a Audiencia Provincial de Pontevedra lle impuxo por un delito de tentativa de asasinato, coas agravantes de parentesco e disfrace, logo de entender que non houbo arrepentimento na súa actuación.

O 12 de abril de 2015, segundo os feitos probados, o acusado dirixiuse ao domicilio da vítima en Vigo, con quen mantivo unha relación de convivencia durante tres anos. Ía alí con "intención de acabar coa súa vida". Coa cara tapada e con luvas, para evitar ser identificado, esperou a que saíse e, xusto nese momento, agredeuna brutalmente na mandíbula e no costado. Despois, segundo os mesmos feitos, arrastrouna polas escaleiras, tirouna ao chan e cravoulle un coitelo no pescozo. Nese momento, o acusado accedeu ás súplicas da vítima, que se suxeitaba o coitelo coa man, e levouna en coche preto do Centro Hospitalario Povisa.

Unha vez alí, segundo os feitos probados, persistiu no seu inicial propósito de acabar coa vida da muller, e abandonouna a pesar de que estaba grave e semiinconsciente. A vítima fixo un último esforzo vital e logrou aproximarse até o hospital onde foi atendida.

O recorrente reclamaba no seu recurso, que foi desestimado, a aplicación do desistimiento activo -artigo 16.2 do Código Penal- . Este dispón que quedará exento de responsabilidade penal polo delito tentado quen evite voluntariamente a súa consumación, ben desistindo da execución iniciada ou ben impedindo a produción do resultado, sen prexuízo da responsabilidade en que puidese incorrer polos actos executados, se fosen constitutivos doutro delito.

DEIXOU Á SÚA SORTE Á VÍTIMA

A Sala afirma que, á vista das probas practicadas, "non hai dúbida razoable sobre o feito de que o acusado non culminou a súa inicial acción de axuda e deixou á súa sorte á vítima, que non morreu nese momento por dúas circunstancias postas de relevo na sentenza: o esforzo titánico que fixo para sobrevivir no último momento e os seus coñecementos médicos que lle permitiron actuar de forma correcta evitando a hemorraxia".

A sentenza feita pública ese venres indica que a vítima engadiu na súa declaración que facía presión sobre o coitelo para conter o sangue, algo que evidencia os seus coñecementos sanitarios para evitar o resultado mortal.

"Non pode afirmarse que o suxeito activo abandonase a progresión delituosa da súa acción, en tanto que causou lesións mortais á súa vítima e a deixou abandonada á súa sorte. E, desde logo, non evitou de forma eficaz o resultado de morte por unha acción positiva de desistimento, ao interromper o seu propósito inicial de axuda abandonando á vítima", considera o tribunal.

Logo de analizar os feitos probados, o Supremo sinala que describen con acerto dúas fases na conduta final do recorrente. Por un lado, despois de manterse durante uns minutos impasible ante o sufrimento da vítima, que sufrira unha brutal agresión e tiña cravado no pescozo o coitelo, o agresor accedeu aos seus rogos baixo a promesa de que non o ía denunciar se a axudaba. Así foi que a levou ás inmediacións dun centro sanitario.

Na segunda fase, prosegue a Sala, lonxe de culminar a súa inicial intención de axudala,  o autor deixouna desamparada a unha distancia entre 30 e 50 metros do centro sanitario mentres sangraba, co coitelo cravado no pescozo e semiinconsciente, de forma que a vítima tivo que percorrer esa distancia como puido e nun último esforzo vital conseguiu chegar ao centro sanitario.

Os maxistrados sinalan tamén que non hai razón algunha para dubidar das manifestacións da vítima, que mereceu o máximo crédito do tribunal por ser "firme, precisa e persistente" Sobre todo, "o seu testemuño foi corroborado por probas testificales, periciais e mesmo pola declaración do propio condenado".

Do mesmo xeito que considera conforme a dereito a cualificación xurídico-penal de asasinato en grao de tentativa, a Sala asegura que tamén é correcta a aplicación da agravante de disfrace ao utilizarse un medio hábil para dificultar a identificación, aínda que neste caso concreto non se puido evitar que a vítima lle recoñecese pola voz e a indumentaria.

Tamén rexeita aplicar as atenuantes de arrepentimento do acusado e a prestación de auxilio á vítima, posto que "o autor non completou o seu inicial propósito de prestar auxilio indirecto á vítima, porque a deixou a unha distancia considerable do lugar no que podían axudala, de forma que só un esforzo descomunal e extremo da propia vítima evitou a súa morte".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta