Temas: TSXG XUSTIZA

Tres novos xuíces para Galicia recibirán os seus despachos o martes

Un xuíz irá ao Xulgado de Primeira Instancia de Verín e os outros dous quedarán ao dispor do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2019 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

Galicia contará con tres xuíces da nova promoción que recibirán os seus despachos nun acto solemne este martes en Madrid, presidido pola súa Maxestade o Rei.

Pazo de Xustiza na Coruña, sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Pazo de Xustiza na Coruña, sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia | Fonte: Caronium en Wikipedia.

Segundo informou o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), os 63 xuíces que integran a sesaxésimo oitava promoción da Escola Xudicial recibirán os seus despachos o martes nun acto na Real Academia Española, ao que tamén asistirán a ministra de Xustiza, Dolores Delgado, e a fiscal xeral do Estado, María José Segarra.

Cataluña e Andalucía son as dúas comunidades autónomas ás que irán destinados máis membros da promoción, xa que cada unha delas contará cun total de 16 de novos xuíces. Séguenlle Madrid, con nove; Castela e León, con catro; e Galicia e a Comunidade Valenciana, con tres cada unha.

Dos 63 membros da nova promoción, 23 comezarán a exercer a xurisdición como titulares de xulgados de Primeira Instancia e Instrución e os 40 restantes quedarán a disposición do presidente do Tribunal Superior de Xustiza ao que vaian destinados, ante a inexistencia neste momento de prazas vacantes de titulares de órganos xudiciais.

No caso concreto de Galicia, un dos xuíces pasará ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Verín (Ourense) e os outros dous quedarán a disposición do presidente do Tribunal Superior de Xustiza.

ENQUISA

Segundo os datos contidos nunha enquisa que realizaron ao ingresar na Escola Xudicial, difundida polo CGPJ, as mulleres, que son máis da metade dos máis de 5.377 xuíces españois en activo, representan o 63,49 por cento da nova promoción, unha porcentaxe elevada aínda que algo inferior ao do curso anterior, no que o 70,8 por cento eran xuízas.

Se se ten en conta o lugar de residencia habitual, e sempre segundo os datos desta enquisa, Andalucía é a Comunidade Autónoma que máis xuíces achega (12), seguida pola Comunidade Valenciana (10), Castela e León (8), Cataluña e Madrid (7 cada unha) e Aragón e Canarias (4 cada unha). Tamén hai tres residentes en Castela-A Mancha; dous en Navarra; dous no País Vasco e un en Estremadura, Galicia, Murcia, Baleares e Asturias.

A media de idade ao ingresar na Escola Xudicial en 2017 era de 27 anos, aínda que o alumno máis novo tiña 23 anos e o máis veterano, 39. Cando chegaron á Escola, dedicaran unha media de tres anos e seis meses a preparar as oposicións de acceso á Carreira Xudicial, ás que a maioría --o 67,19 por cento-- tomara a decisión de presentarse durante a súa estancia na universidade como estudantes de Dereito. O 95,88 por cento dos novos xuíces contou co apoio económico dos seus pais durante a preparación da oposición, e só o 10,94 por cento gozou dunha bolsa.

Temas: TSXG XUSTIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta