Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/01/2019 | Actualizada ás 17:02
O relator especial da ONU sobre cuestións das minorías, Fernand de Varennes, visitará España do 14 ao 25 de xaneiro para recompilar información de primeira man sobre a situación das minorías no Estado, así como para identificar boas prácticas e as áreas clave que requiren melloras.
A visita analizará as políticas existentes para a protección e promoción dos dereitos das persoas pertencentes a minorías nacionais, étnicas, relixiosas ou lingüísticas.
Nesta visita considerarase o tema do acceso á educación de calidade, incluíndo a educación en linguas minoritarias, así como as cuestións relacionadas coa liberdade de relixión, os problemas de inclusión e participación política e a loita contra a intolerancia e o discurso de odio.
Fernand de Varennes anunciou que integraría unha forte perspectiva de xénero, destacando a situación das mulleres e nenas pertencentes a minorías. Tamén analizará a situación das minorías vulnerables, como a comunidade xitana, as comunidades musulmás e os descendentes das comunidades migrantes.
Durante a súa misión de 12 días, o relator especial visitará a capital, Madrid, e viaxará ao País Vasco, Cataluña, Andalucía e Galicia. Reunirase con altos funcionarios gobernamentais, tanto a nivel estatal como autonómico, representantes da sociedade civil e membros de minorías, incluída a comunidade xorda, en relación aos seus dereitos como membros dunha minoría lingüística.
Ao finalizar a súa visita, o venres 25 de xaneiro de 2019, compartirá os seus achados e recomendacións preliminares e presentará un informe exhaustivo da súa visita nunha próxima sesión do Consello de Dereitos Humanos da ONU.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.