Renuncia o responsable de combater a velutina en Campo Lameiro, farto de afrontar os gastos sen axuda do Concello

O apicultor autónomo que se encargaba de retirar os niños renunciou en decembro "ante a demora e as trabas do Concello".

Por Galicia Confidencial | Campo Lameiro | 12/01/2019 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

Claudio Fraga Ricoy era o responsable do servizo de retirada de niños de vespa velutina en Campo Lameiro (Pontevedra), até que renunciou en decembro de 2018. O motivo: "a demora e as trabas interpostas polo Concello á hora de abonar os gastos de insecticidas e trampas empregadas na campaña 2018". Así o denuncia agora o colectivo na defensa da natureza Fóra Velutina.

Avespa velutina ataca unha abella
Avespa velutina ataca unha abella | Fonte: Danel Solabarrieta en Flickr.

Segundo a denuncia que fan, os gastos foron adiantados por Claudio Fraga, apicultor autónomo que de xeito altruísta e voluntario retiraba os niños segundo os avisos que chegaban desde o 112, 012 e de veciños que avisaban da presenza da avespa invasora.

En 2018 creouse, xunto con voluntarios que colaboraban con Claudio Fraga na retirada de niñois, o colectivo na defensa da natureza Fóra Velutina, que coordina as horas fóra do traballo e os días festivos para levar a cabo a retirada do maior número posible de niños.

O Concello de Campo Lameiro fíxose cargo dos gastos de insecticida e trampas utilizados na campaña 2017, xa que a pértega, bomba e dous traxes foran proporcionados neste mesmo ano pola Consellería de Medio Rural.

En 2018 presentáronse as facturas dos gastos igual que na campaña anterior, pero neste caso, para abonar os gastos, requiriuse ademais que se presentasen os albarás das mesmas. Unha vez presentados, volveuse requirir, por acordo da Xunta de Goberno, a relación de correos electrónicos que envía a Xunta de Galicia de avisos de velutina xunto cun informe de traballo realizado por cada aviso.

"Este informe foi redactado polo Fóra Velutina, xa que a retirada dos niños resultou ser un traballo en grupo. Localizacións, tipo de aviso, dimensións, tipoloxías de cada niño, intervencións, retirada, etc. leváronnos a traballar nun informe para que este apicultor puidese recuperar o diñeiro gastado nun ben para a comunidade do concello de Campo Lameiro", explican.

O colectivo láiase porque "mentres hai dúas semanas o concello de Nigrán homenaxeaba os seus voluntarios polo traballo que levaron a cabo no seu concello retirando niños de velutina, no concello de Campo Lameiro ese voluntariado, que non cobra nada por retirar ningún dos 42 niños que se retiraron no 2018 e o trampeo de primavera, obrigouno a elaborar un informe de traballo por cada aviso de niño de velutina para poder recuperar o diñeiro adiantado por un apicultor autónomo durante todo un ano".

"Perante estas dificultades e trabas que se nos foron propinando, ao propio Claudio Fraga –como quedou indicado– non lle quedou outra que dimitir da súa responsabilidade", rematan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta