Bombeiros forestais protestan na Xunta para que lle dean "solución" ao seu futuro laboral

Os traballadores de Seaga temen quedar "na rúa" ante a reestruturación do servizo de loita contra o lume e denuncian incerteza sobre o seu futuro. Medio Rural lembra que hai aberto un proceso negociador.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2019 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

Traballadores de Seaga, empresa pública de loita contra o lume dependente da Consellería de Medio Rural, concentráronse ante a Xunta na mañá deste luns para reclamar unha "solución" para o seu futuro.

Protesta de Seaga ante a Xunta. En Marea
Protesta de Seaga ante a Xunta. En Marea | Fonte: Europa Press

Uns 80 traballadores protestaron ante a sede do Goberno galego en San Caetano cunha pancarta na que se podía ler 'Non nos queren. A Xunta déixanos na rúa. Seaga solución'. Así, denuncian que os sistemas de puntuación barallados por Función Pública para elaborar as listas do servizo antincendios "deixan fóra" á maioría dos 500 traballadores de Seaga.

Enfronte do edificio de San Caetano, os traballadores cantaron consignas como 'Seaga solución, conselleiro dimisión', nunha protesta na que se viron bandeiras da CIG e soaron bucinas. Entre outros presentes, atopábase o deputado de En Marea Antón Sánchez.

En declaracións a Europa Press, Josafat Ponte, membro do comité de empresa de Seaga na provincia de Pontevedra, explica que un grupo de representantes atópanse no interior do edificio administrativo da Xunta á espera de poder reunirse co director xeral de Función Pública, José María Barreiro.

Os traballadores temen quedar "na rúa" ante a reestruturación do servizo de loita contra o lume e denuncian incerteza sobre o seu futuro. Ademais, demandan respecto para a súa formación de bombeiros forestais, pois rexeitan que sexan incluídos nas brigadas de limpeza de franxas de seguridade.

XUNTA

Pola súa banda, desde Medio Rural suliñaron que a Xunta ten aberto un proceso negociador cos representantes dos traballadores de Seaga no que se accedeu a analizar todos os puntos expostos por eles. "É por iso polo que haberá que agardar o resultado destas negociacións, que continuarán nos vindeiros días", indicaron nun comunicado remitido ao GC.

En relación coas mobilizacións, Medio Rural di respetar o dereito dos traballadores a reclamar, do xeito que consideren oportuno, as melloras na súa situación laboral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta