Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/08/2011 | Actualizada ás 18:33
A Iniciativa Bencomún (IBC) propón a constitución dunha candidatura progresista galega unitaria para o Senado, coa vista posta nas eleccións do vindeiro 20 de novembro. IBC considera que a candidatura debería estar conformada por cidadáns e cidadás independentes de recoñecido prestixio nos seus ámbitos laborais ou sociais, así como por representantes da sociedade civil, e debería ser apoiada polas forzas políticas de esquerda.
Así o expuxo este xoves na xuntanza que mantivo co BNG para presentar a súa Carta de Rexeneración Democrática. A plataforma faralle esta mesma proposta de maneira formal aos partidos de esquerda con implantación en Galicia no marco da rolda de contactos que está mantendo con eles neste mes de agosto.
Defensa dos intereses galegos
O obxectivo é a conformación dun grupo galego progresista no Senado que defenda de forma conxunta os intereses de Galicia e dos galegos e galegas e exerza de contrapeso fronte ás tentativas recentralizadoras e de desmantelamento do Estado de Benestar. "Habería un Grupo Galego no Senado por vez primeira, e viría a sumarse á iniciativa coma a Entesa Catalana de Progrés, que dende 2000 representa conxuntamente a PSC, ICV e ERC e que na actualidade conta con 16 senadores", aseguran nun comunicado.
Nas eleccións de marzo de 2008 o PP obtivo 12 dos 16 senadores elixidos en Galicia, gañando o PSdeG-PSOE os outros catro. Porén, a suma dos votos recibidos polos candidatos de PSOE, BNG e EU superou nas catro provincias os colleitados polos conservadores. Unha candidatura unitaria da esquerda racharía a distribución actual e permitiría obter unha maioría de senadores progresistas.
Programa de mínimos
Segundo Bencomún, a candidatura debería articularse ao redor dun programa mínimo centrado na defensa e potenciación do Estado de Benestar e as políticas económicas sociais e redistributivas, tamén na defensa do autogoberno e a redacción dun novo Estatuto de Autonomía para Galicia, e finalmente a rexeneración, transparencia e participación democrática. Consensos que mobilizan unha maioría social dos galegos.
No encontro que mantiveron este xoves na sede nacional do BNG debateuse polo miúdo a 'Carta de Compromisos' presentada a pasada semana, e nela os representantes do BNG amosaron unha coincidencia practicamente total coas propostas feitas e realizaron achegas que serán debatidas no seo da Iniciativa para a súa incorporación ao documento.
Xuntanza co BNG
O Bloque Nacionalista Galego comprometeuse a estudar o texto con máis detemento de cara a unha nova xuntanza, que terá lugar en setembro. Na reunión os representantes de Bencomún tamén presentaron a proposta da referida candidatura cidadá para o Senado, que o BNG se comprometeu igualmentea estudar e debater.
Iniciativa Bencomún celebrará a vindeira semana encontros con representantes de PSdeG-PSOE e Esquerda Unida ao redor da 'Carta de Compromisos' e tamén da candidatura cidadá progresista. Este documento, de 46 puntos, presentouse hai uns días e foi enviado aos principais partidos políticos para que o debatesen e o asumisen publicamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.