Os animalistas queren que os menús das escolas de Galicia tamén ofrezan "opción vexetariana"

Din que estimacións sociolóxicas, como a da consultora Lantern, reflicten que un 7,8% da poboación española é vegana, vegetariana ou flexitariana".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2019 | Actualizada ás 11:01

Comparte esta noticia

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber sinalaron este xoves a necesidade de que Galicia "siga os pasos de País Vasco, Chile, Arxentina e Portugal" e posibilite "a inclusión dunha opción vexetariana nos comedores que dependan das administracións públicas ou dean servizo ás mesmas a través de concesións".

Sandwich vexetariano
Sandwich vexetariano | Fonte: pixabay

A proposta dos animalistas, explicaron nun comunicado de prensa, baséase "no respecto á diversidade e en fomentar a calidade dos servizos de comedores públicos, xerando alternativas saudables reais para aquelas persoas que deben participar dos mesmos", desde os comedores en recintos escolares xestionados por AMPAs ou empresas privadas, ata as cantinas de institutos e das diferentes facultades universitarias.

"A iniciativa de ambos os colectivos susténtase nas estimacións sociolóxicas, como a da consultora Lantern, que reflicten que un 7,8% da poboación española é vegana, vexetariana ou flexitariana", explicaron, co que "xa representa unha porcentaxe importante como para tomar en conta esta opción no campo alimentario, superando a outras opcións xa presentes nos menús escolares, como a alimentación especial por crenzas relixiosas", abundaron.

Neste sentido Libera e FFW resaltan o incremento da oferta de restauración nos diferentes municipios da comunidade, "coa apertura de novos negocios ou a inclusión nas súas cartas de cada vez máis pratos con produtos de orixe vexetal, renunciando ás súas versións con carne ou peixe, e fomentando unha cultura gastronómica algo diferente", valoraron.

Deste xeito, os activistas resaltan que "os poderes públicos deben garantir que un neno, polo mero feito de ser vexetariano, poida alimentarse no comedor do seu colexio cunha opción nutricionalmente segura e adaptada ás súas necesidades".

Neste sentido, instan á Xunta de Galicia "a tomar nota dos problemas que algunhas familias tiveron por este motivo". "Actualmente depende do servizo de comedor do centro educativo o ofrecer unha opción ou outra, sendo o máis habitual que a familia decida elaborar a súa propia comida ante a desidia da administración", lamentaron.

"Os expertos e organizacións internacionais de Estados Unidos, Canadá ou a propia Agència de Salut Pública de Catalunya (ASPCAT) sinalan que unha dieta vexetariana correctamente planificada é saudable, positiva no campo nutricional e proporciona beneficios para a saúde na prevención e o tratamento de determinadas enfermidades", aseguraron estes colectivos.

ACCIÓNS

Neste sentido, explicaron que a primeira acción dos defensores dos animais foi solicitar á Consellería de Educación datos sobre o acceso a un menú vegano en comedores centros educativos.

"Isto ocorreu en novembro do pasado ano", aseguraron, para puntualizar que "ante a falta de resposta" recorreron ao Valedor do Pobo. Ademais, Libera e Fundación Franz Weber procederon a "redactar unha Proposición non de lei para presentar no Parlamento de Galicia", concluíron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta