Advirten dunha nova revolución labrega en Meirama como a das Encrobas de hai 40 anos

Salvemos a Comarca de Ordes reclama transparencia e información detallada sobre os proxectos que Naturgy quere poñer en marcha tras o peche da central térmica e rexeitan que se constrúa unha central de biogás ou un gran parque eólico.

Por Galicia Confidencial | Cerceda | 22/01/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A Rede de plataformas medioambientais ‘Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas’ alerta da estratexia empresarial que Naturgy –antiga Unión Fenosa--, propietaria da central térmica de Meirama, pretende poñer en marcha neste complexo unha vez que o peche.  Así, alerta de que tería proxectado instalar o próximo ano un gran parque eólico e unha planta de biogás na zona onde estivo 40 anos aberta a explotación de carbón.

Central térmica de Meirama en Cerceda, de Naturgy
Central térmica de Meirama en Cerceda, de Naturgy

Neste sentido, reclama que tanto a empresa como as Administracións involucradas nestes proxectos exerzan as súas responsabilidades de forma democrática e dean información detallada sobre cal é o plan que sucede ao peche da térmica. “Esiximos transparecencia absoluta e en tempo real e coñecer en que consisten exactamente eses proxectos e onde estarían ubicados. Sería moi lamentable que despois de 40 anos da loita das Encrobas, os veciños e veciñas teñamos que volver coller os apeiros de labranza na man para defender de novo as nosas terras e o dereito a unha vida digna”, advirten.

Deste xeito, insiste que a empresa tería que rexenerar e recuperar a zona danada durante todas estas décadas e devolver as terras a todo o pobo que se viu obrigado a marchar das súas casas “ou a convivir con todos os perxuízos que trouxo a térmica para a zona sen nin sequera gozar da rebaixa no recibo eléctrico mensual nin de contraprestacións axeitadas”.

GRAN VERTEDOIRO DE GALICIA

A etidade quere denunciar a expansión sen límite da industria e do negocio do lixo de toda Galicia na comarca de Ordes e reclamama que se poña fin á saturación que padece a comarca de proxectos relacionados coa xestión dos residuos.

De feito, esta zona xa alberga na Areosa (concello de Cerceda) o vertedoiro de toda Galicia, que prevé ampliarse e vai camiño de converterse no maior de Europa. Tamén poderíase instalar outro máis na parroquia de Lesta de residuos industriais non perigosos. A iso hai que sumarlle a planta de Gesuga que trata os animais mortos, e da incineradora de Sogama.

Ademias, alerta que facer medrar a industria do lixo cara á zona onde está a térmica implicaría afectacións tamén no val do Barcés e no encoro de Cecebre, de onde se abastece A Coruña. “Por iso, pedimos que toda a poboación galega tome conciencia e demandamos a todos os grupos ecoloxistas, sociais, parlamentarios e políticos municipais que se poñan a traballar canto antes para entre todos coñecer cal é o novo futuro que nos despachos se está a planear e poder valorar”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta