Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2019 | Actualizada ás 13:10
A Asociación galega contra os malos tratos a menores (AGAMME) demandou ao Goberno que introduza "un verdadeiro cambio" na normativa de loita contra o abuso e a explotación sexual, despois de que a Comisión Europea anunciara a apertura dun expediente sancionador contra España, por non aplicar a normativa europea que os Estados membros debían de trasladar ás súas lexislacións como máximo a finais de 2013.
A apertura do expediente ten a forma dunha carta de emprazamento (o primeiro paso no procedemento de infracción) que Bruxelas remitiu ao Goberno, para que en dous meses aclare a situación e ofreza datos claros das medidas correctivas que poña en marcha.
Desde AGAMME recórdase que a finais do ano 2015, representantes da asociación, xunto coa Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos de Vigo e o Grupo de Investigación Antígona, trasladáronse ao Parlamento Europeo para presentar unha demanda contra o Estado español por non cumprir a directiva europea neste ámbito.
A demanda, presentada e secundada por oito entidades en total, sustentábase na falta de medios adaptados e suficientes, tanto materiais como profesionais no ámbito xudicial, así como a prolongación excesiva dos prazos de espera para a toma de declaración das menores vítimas.
Entre outras cuestións, tamén se denunciaba a aplicación nos Xulgados españois da teoría da "suposta síndrome de alienación parental", "a pesar de estar amplamente rexeitada pola comunidade científica, polo Consello Xeral do Poder Xudicial e pola Fiscalía de Violencia de Xénero".
AGAMME valora como "un fracaso" que fose "inútil" a interlocución interna co Goberno e institucións españolas, pero cre que o expediente de Bruxelas é "unha oportunidade para comezar a promover un verdadeiro cambio". Neste sentido, esixe dúas modificacións principais. A primeira, "moi evidente", refírese ás modificacións lexislativas necesarias para romper definitivamente a impunidade do delito de abuso sexual".
AGAMME expón como "imprescindible" que se ofreza "formación esixible" a calquera profesional que vaia entrar en contacto cunha vítima menor de idade e que se establezan "con claridade" o que se consideran "atrasos inxustificados" e "os prazos" que se deben cumprir para a toma de declaración da vítima.
Ao mesmo tempo, tamén solicitan que se aclaren as condicións materiais das salas adaptadas para recibir a vítimas en dependencias xudiciais e que tipo de actitudes e preguntas non estarán permitidas. "Deberase asegurar que o neno ou nena vítima vai ser protexido", subliñan.
Entre outras medidas, a entidade reclama que a Lei para a Protección Integral da Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia, que está a elaborar o Goberno, conte necesariamente "cunha dotación económica importante para poder ser levada a cabo".
En segundo lugar, a asociación esixe que se realice unha "revisión de sentenzas, especialmente naqueles casos nos que existe un risco de victimización". Como exemplo, citan o caso dunha "nena que convive co seu presunto agresor desde hai dous anos e ten 5 afastada, completamente, da súa nai por un suposto trastorno mental que o sistema público de saúde desmente".
A Unión Europea conta con regras "estritas" para perseguir e penalizar estes delitos en todo o territorio comunitario, co fin de protexer mellor as vítimas, e prevé importantes sancións para quen incumpre a norma.
Bruxelas "é consciente da complexidade" da directiva e dos esforzos dos Estados membros para transpoñer a norma ás súas respectivas lexislacións, polo que entende que houbese atrasos na maioría de países. Con todo, o Executivo comunitario considera excesivo o atraso en España, Italia e Portugal, polo que decidiu dar o paso de iniciar un procedemento de infracción contra estes tres países.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.