As doenzas dos concellos galegos. Preludio

“O que sucedeu despois é un longo relatorio de desolación e espantos onde o mundo estoura en mil anacos, tal e coma un castelo de area que se derruba” (A cidade dos Césares, Víctor Freixanes).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 06/02/2019

Comparte esta noticia
O vindeiro 26 de maio tocan as undécimas eleccións, despois da restauración da democracia no Estado español (as primeiras foron o 3 de abril do 1979), para elixirmos aos nosos representantes no ámbito político que todos concordan en considerar o máis próximo á cidadanía: a Administración Local. Se esa maneira de pensar gozara dun certo grao de coherencia, parece lóxico que tódolos partidos políticos deberían esforzarse en dotar aos concellos de tres premisas esenciais. A primeira consistiría en respectar a autonomía municipal, para que as institucións locais puideran ofrecerlle á veciñanza uns servizos básicos universais e de calidade, que nos permitan concluír que nos atopamos nun Estado de Benestar. A segunda plasmaríase na dotación dos mecanismos necesarios para fornecer os orzamentos municipais dos recursos necesarios, a fin de facerlle fronte aos custos de tales servizos públicos. E, a terceira tería a súa expresión no respecto da administración central e autonómica cara os alcaldes, as alcaldesas, os concelleiros e as concelleiras que elixa a veciñanza. 
 
Mais por desgraza, por culpa de tódolos partidos sen excepción, a cousa non é así, aínda que, obviamente, os que gobernaron o Estado ata agora –PP e PSOE– sexan os principais culpábeis de dispormos duns concellos que deixan moito que desexar. O grao de autonomía local mingua cada día que pasa e todo nos fai pensar que se acurtará máis no próximo mandato. O financiamento local hai tempo que ficou totalmente enferruxado, condenando aos concellos galegos a dispor duns recursos mo por debaixo das súas necesidades. E, os políticos, e mesmo os funcionarios das outras administracións tratan aos políticos locais coma se foran os seus subordinados.
 
Ah! O meu tío Lisardo pensa que unha das principais novidades das vindeiras eleccións municipais estará na proliferación de listas independentes ou agrupacións locais, sen que os partidos políticos sexan capaces de analizar, con certo rigor, o seu grao de responsabilidade nesta circunstancia, que para nada beneficia o normal funcionamento da democracia e da estruturación do País. (Continuará).
 

Casa do Concello de Curtis, en Teixeiro
Casa do Concello de Curtis, en Teixeiro | Fonte: Wikipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.