Enviado da TVG retido en Venezuela por irregularidades no seu permiso de traballo

O Comité de Empresa da CRTVG pide que non se terxiverse este feito con intencionalidade política e cualifica o acontecido de grave irresponsabilidade do departamento de produción.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2019 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

O Comité de Empresa denuncia irregularidades no envío dun equipo informativo a Venezuela. No momento en que regresaban a Galicia, o xornalista Luis Ramos foi retido cinco horas no aeroporto de Caracas. As autoridades venezolanas comprobaron que se trataba dun informador, pero que non cumprira cos requisitos legais “para desenvolver a súa actividade en moitos países do mundo”.

Sede da TVG en San Marcos. Foto: CIG
Sede da TVG en San Marcos. Foto: CIG

A representación dos traballadores e traballadoras da CRTVG denuncian irregularidades por parte dos xestores do ente público, por ter enviado un xornalista a un país estranxeiro “sen ter solicitado previamente o visado de traballo no consulado” de Venezuela. A solicitude do visado de traballo ademais garante a seguridade persoal do xornalista para realizar o seu traballo, máis aínda nun país en conflito.

O Comité de Empresa xa solicitou explicacións á dirección da Corporación así como que se depuren as responsabilidades necesarias. Tamén esixen que a directora de Informativos da TVG non oculte “esta grave irresponsabilidade do departamento de producción informando só parcialmente das circunstancias que levaron á retención dun compañeiro”. Para o Comité “é impresentable que se terxiverse este feito con intencionalidade política”, para segundo apuntan “informar de xeito interesado sobre a situación que atravesa Venezuela”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta