Democracia municipalista

A democracia comeza na aldea, na vila e na cidade. A política local, as institucións próximas, as candidaturas directamente formadas e controladas pola cidadanía son hoxe algúns dos elementos que deron nome ao «municipalismo alternativo» ou ás «candidaturas de unidade popular».

Por Óscar Lomba | Vigo | 21/02/2019

Comparte esta noticia
En Galicia multiplícanse as experiencias de pequenas agrupacións de veciños e veciñas que simplemente queren «cambiar as cousas» e que para iso comezan polo que lles resulta máis próximo. Trátase de proxectos políticos de goberno pero que renuncian ao «partido», á gran organización estruturada por unha determinada ideoloxía e sometida a unha disciplina piramidal. A primavera de 2015 trouxo un cambio no panorama municipal galego. Foi a irrupción das mareas e demais movemento municipalistas do cambio. Alcanzaron as alcaldías de tres grandes cidades, ademais dunha significativa representación en multitude de localidades. A experiencia no goberno e na oposición, das diferentes organizacións, o traballo colaborativo e a participación nun relato común foi trazando un camiño ascendente que ten como reto futuro o asalto ás vindeiras eleccións municipais de 2019, onde se deben manter as posicións e intentar medrar en número de propostas e representación.
 
O propósito máis inmediato debería consistir en devolver a dignidade á vida política e terminar definitivamente coa fenda entre gobernantes e gobernados. A onda de indignación do 15M aterrou na política municipalista das cidades e vilas de Galicia. Desde hai uns anos multiplícanse multitude de proxectos que queren fuxir da parálise e construír o cambio «desde abaixo». Proxectos que arrincan das situacións concretas, de iniciativas locais que se espallan aquí e acolá cos nomes das localidades nas que se proban.
 
Quizais o exemplo máis xenuíno sexa Marea Atlántica. Durante a campaña electoral de 2015, Marea Atlántica presentou un documento denominado "25 medidas urxentes" que se comprometían a aplicar durante os primeiros 100 días se chegaban ao goberno, entre elas, pode salientarse unha auditoría e renegociación da débeda, a publicación dos contratos, das retribucións e as resolucións, a posta en marcha de orzamentos participativos e dunha quenda de intervención cidadá no pleno do concello, baixada de salario do goberno municipal, paralización dos desafiuzamentos, renda social municipal, rebaixa das taxas, a aplicación da Lei da Memoria Histórica, revisión do Plan Urbanístico, impedir a especulación cos peiraos revisando o convenio de 2004 e non subvencionar eventos que promovan o maltrato animal. Algunhas promesas electorais foron cumpridas e outras non. Agora toca un novo impulso. A vontade dunha parte da cidadanía galega por ensaiar un radical envorco político abriu o horizonte a un futuro proceso constituínte; algo tan difícil, e á vez tan simple, como «cambiar as regras do xogo» co obxectivo de devolver protagonismo político á xente da pé, estabelecer mecanismos de control da representación e impoñer unha nova orde social e económica máis xusta, comezando por abolir a «escravitude por débedas» que a torto e a dereito impón a ditadura financeira.
 
O novo municipalismo galego debe ter como horizonte modular diferentes sensibilidades e tradicións que sirvan para fortalecer as candidaturas de unidade popular que nas próximas eleccións municipais coloquen nos asentos das alcaldías a persoas que defendan os intereses da maioría social e cuxo obxectivo central sexa profundar nas políticas transformadoras  realizadas, abordar os problemas das confluencias, reforzar o carácter movimentista das candidaturas de unidade popular e, en definitiva, continuar democratizando, redistribuíndo poder e recursos, tanto nas nosas organizacións como na sociedade no seu conxunto. ​

Papeletas electorais para a votación nas eleccións xerais
Papeletas electorais para a votación nas eleccións xerais | Fonte: teinteresa.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. É membro de ESCULCA.