Peliqueiros, pantallas e cigarróns atraen miles de persoas aos entroidos de Laza, Xinzo e Verín

Desde hai semanas é imposible atopar unha habitación libre para os días grandes.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 25/02/2019 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

A provincia de Ourense está xa inmersa na gran celebración dos entroidos de Xinzo, Verín e Laza, nos que peliqueiros, cigarróns e pantallas animan as rúas nunha festa que, cada ano, congrega a máis adeptos e que mantén os establecementos destas pequenas localidades co cartel de completo.

Entroido de Verín
Entroido de Verín | Fonte: Europa Press.

O obxectivo de desestacionalizar o turismo en Galicia, que se marcan desde hai anos as autoridades galegas para repartir ao longo de todo o ano a multitude de turistas que se achegan ata Galicia, é xa unha realidade no interior de Ourense, onde o 'triángulo máxico do entroido' que forman Laza, Xinzo e Verín atrae miles de visitantes coa súa oferta de festa, cultura e tradición.

O entroido tradicional galego experimentou anos de crecemento, paralelos ao desenvolvemento dun turista "máis esixente" e que busca "experiencias" de distinto tipo nos seus destinos, segundo confirman os expertos na materia.

Consecuentemente, este ano as tres localidades ourensás volven atraer a multitude de visitantes e, desde hai semanas, é imposible atopar unha habitación libre para aloxarse nos días fortes do entroido, segundo confirmaron a desde o sector, que está completo tamén nos concellos próximos.

A maiores, o bo tempo rexistrado a pasada fin de semana, o que abriu as portas do entroido, converteu estes lugares nun fervedoiro de xente. 

XINZO, DE INTERESE INTERNACIONAL

Este ano, a celebración é especialmente significativa para o entroido de Xinzo de Limia, que este ano se convertía no primeiro entroido galego recoñecido como de Interese Turístico Internacional.

Esta mención supón para o seu alcalde, Manuel Cabas, "un orgullo" e un "recoñecemento importante", para o entroido "máis participativo de España", que involucra a toda a localidade, prolóngase durante todo o ano nos seus preparativos e no que participan máis de 20.000 visitantes.

Tras un 'Domingo Corredoiro' de éxito, a celebración en Xinzo renovarase ás portas dos días grandes do entroido, o venres, con desfiles, charangas, animación de rúa e concertos que se estenderán ata que o mércores, día 6, leve a cabo o 'enterro da sardiña'. Con todo, as estrelas deste entroido de gran valor etnográfico son os seus personaxes típicos, as pantallas, que, ataviadas co seu tradicional traxe branco e vermello e cunha máscara de diaño, fan soar as campás á súa cintura e golpean dúas vexigas de vaca secas e infladas, velando porque todos os presentes estean disfrazados.

OS CIGARRÓNS CORREN EN VERÍN

Tamén a veciña localidade de Verín viviu este domingo o seu 'Corredoiro', no que, por primeira vez no entroido de 2019 saíron á rúa os cigarróns, un dos emblemas do entroido galego.

Cun engalanado traxe duns 25 quilos de peso, os seus símbolos de identidade son a súa gran careta de madeira, na que se debuxan animais como o león, a vaca ou o lobo, e chocas, axóuxeres que, encostados na parte posterior da súa cintura, fan soar ao seu paso, mentres azoutan cunha fusta aos viandantes.

O seguinte día desta celebración, de interese turístico nacional, será o Xoves de Comadres, que este ano será o 28 de febreiro e no que terá lugar o desfile infantil de entroido e os disfraces das comadres. O 1 de marzo, Verín vivirá o Venres de Compadreo, o día sinalado para degustar viño e o tradicional porco  ao espeto, ao ritmo da música que animará as rúas da localidade. Ademais, esta xornada conta cun 'disfrace oficial', os tradicionais de 'Capuchón' e 'Mascarita, que se recuperan e poñen en valor este día. Ao día seguinte, Sábado de  Entroido, o punto álxido será ás 17,00 horas, co Bautizo do Cigarrón, no que serán investidos por primeira vez os novos cigarróns e homenaxearase aos que non puideron participar este ano.

O día máis intenso desta celebración será o domingo, cando igarróns, comparsas e carrozas percorrerán as principais rúas de Verín acompañados de charangas e a Banda de Gaitas municipal. A música e a festa continuará o luns de entroido e o martes, cun último desfile de máscaras e disfraces.

Tanto no caso de Verín como no de Xinzo, os nostálxicos desta celebración terán un día extra o seguinte domingo, 10 de marzo, coa celebración do Domingo de Piñata, con comida popular e fin de festa.

PELIQUEIROS EN LAZA

No caso de Laza, a celebración (que ten distinción de interese autonómico) iniciarase —tras unhas xornadas previas—, o 28, tamén co Xoves de Comadres, no que haberá cea e verbena. Ao día seguinte, 1 de marzo, terá lugar o Gran  Folión, con ruído, festa e música polas rúas da localidade, e o sábado será a quenda da 'cabritada'.

O domingo de entroido, pola mañá, terá lugar a estrea dos tradicionais peliqueiros, que, ataviados coas súas coloridas máscaras, o seu adornado traxe de gala,  axóxeres e fusta, percorrerán as rúas de Laza acompañados de bandas e charangas.

Xa o luns borralleiro arrincarase coa Farrapada, unha batalla de trapos manchados de barro acompañada de ruadas de charangas. Pola tarde, terá lugar o evento máis coñecido deste entroido, a 'baixada da Morena' desde Cimadevila, acompañada da correspondente choiva de terra, toxos e formigas. Despois, haberá repartición de cachucha con pan ao ritmo da música.

Para finalizar, o Martes de  Entroido acollerá un desfile de peliqueiros veteranos, charangas, o desfile de carrozas e a lectura do 'testamento do Burro', con repartición de bens aos veciños. Pechará as celebracións o Enterro do Entroido e o loito dos  peliqueiros, aliviado con orquestra e verbena.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta