Por Galicia Confidencial | Santiago | 20/10/2011 | Actualizada ás 18:31
Sermos Galiza (SG), o grupo que promove a creación dun semanario e dun xornal en internet en galego, anuncia que xa recadou máis de 100.000 euros. A iniciativa gaba "o compromiso coa lingua e co País das 245 persoas que xa son accionistas".
E cando nacerá este novo medio de comunicación en galego? SG apunta que "queremos ter reunido a totalidade do capital social na primeira semana de novembro" pero non adianta unha data concreta para saír a rúa.
No momento da súa presentación a comezos de verán, esta iniciativa dixo que "para podermos asegurar o éxito do proxecto de comunicación que Galiza necesita, precisamos reunir un capital social de 300.000 euros, dividido en 3.000 accións de 100 euros". É dicir, polo de agora logrou sumar o 33% do capital estimado como obxectivo. A intención inicial era botar a andar o proxecto antes de que remate este ano.
Debate sobre a vinculación política do proxecto
Esta semana SG sufriu as acusacións de Miguel Bozada Barreiro no Indymedia e logo no GC Aberto, mediante un texto no que acusaba ao grupo de ser un proxecto controlado pola UPG, o partido comunista que é o máis numeroso dentro do Bloque. O certo é que SG é un proxecto no que participan moitas persoas próximas ou militantes nacionalistas de esquerda, mais non exclusivamente deste partido comunista.
O colectivo salienta que é "de todos os que quixeran participar nel" e destaca a necesidade dun medio "que recolla unha opinión comprometida e interprete a información en clave de País".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.