Adif rectifica a acusación do maquinista de Angrois: non pide catro anos de prisión, senón nove meses de multa

O escrito da Avogacía do Estado incluía unha "evidente" equivocación que agora demanda "emendar"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2019 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

O avogado do Estado, en representación de Adif, rectificou o seu erro ao pedir catro anos de cárcere para o maquinista do Alvia accidentado en 2013 en Angrois (Santiago). Solicita ao xuíz corrixilo e demanda para o procesado "a pena de multa de nove meses".

E é que no seu escrito de acusación, Avogacía do Estado demandaba catro anos de prisión para o condutor do tren que aquel día descarrilou na curva da Grandeira, cando o facía por un eventual delito de danos do artigo 267 do Código Penal.

Agora, nun novo documento ao que tivo acceso Europa Press, recoñece que pedía "unha elevada pena de prisión e inhabilitación, cando o precepto sinala unha pena de multa de tres a nove meses". Por ese motivo, reclama ao xuíz que lle permita "emendar o erro padecido", que tacha de "evidente" e "material", para modificar a redacción da súa conclusión.

Esta queda como segue: "Procede impor ao procesado a pena de multa de nove meses, con responsabilidade persoal subsidiaria, en caso de falta de pagamento da multa, dun día de privación de liberdade por cada dúas cotas diarias de multa non satisfeita".

PROBAS PARA O XUÍZO

Para o acto do xuízo oral, Avogacía do Estado pediu interrogar o condutor do tren e ata 14 testificais, entre elas as do interventor, o maquinista que conduciu ata Ourense e o xerente da área de seguridade na zona noroeste de Adif.

Tamén interesou a ratificación das tres peritaxes xudiciais; o da CIAF (comisión de investigación de accidentes ferroviarios), outros tres expertos designados polo administrador e un pola operadora ferroviaria.

UN ALTO CARGO DE ADIF, TAMÉN IMPUTADO

O xuíz que instrúe o caso ditou auto de peche en decembro con dous imputados: o maquinista e o exxefe de seguridade de Adif Andrés Cortabitarte.

A ambos atribúelles 80 supostos delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave: ao primeiro, por circular cun exceso de velocidade ao chegar á curva despistado por unha chamada do interventor; e, ao segundo, debido a unha deficiente análise de riscos na liña.

Estes posibles delitos polos que se investiga tanto a Garzón como a Cortabitarte non coinciden co que lle atribúe ao primeiro o avogado do Estado, que do que fala é dun delito de danos.

O maquinista, xunto ao presidente da comisión de Angrois, Feliu Guillaumes. CAPTURA - Arquivo
O maquinista, xunto ao presidente da comisión de Angrois, Feliu Guillaumes. CAPTURA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta