Feijóo: “A xente que vote por Cs ou Vox está favorecendo a independentistas, populistas e ao PSOE”

O presidente da Xunta asume o discurso do voto útil do seu líder en Madrid, Pablo Casado, para que en provincias como Lugo ou Ourense non se vote polas dúas opcións da dereita.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/03/2019 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

Agora estamos nun momento distinto, difícil e do que hai que tomar moita nota e se dividimos o voto non sumamos, restamos”. Deste xeito apelou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao voto útil nas eleccións xerais do 26 de maio para que os cidadáns collan a papeleta do PP e non a de Ciudadanos ou Vox.

Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis
Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis | Fonte: @JuanMa_Moreno.

Feijóo respaldou plenamente a opinión do seu líder en Madrid, Pablo Casado, que fixo un chamamento a que a xente de dereitas se decante só polo Partido Popular en provincias con pouca poboación na que a división do voto prexudicaría ao PP. “E é que se o voto se divide favorece aos populistas, independentistas e ao PSOE”, dixo Feijóo.

Así, criticou a Vox e Ciudadanos pola súa “obsesión” en atacar ao PP, especialmente en Galicia, e non en criticar “ás mareas, a Podemos, ao PSOE ou aos independentistas do BNG que van con ETA-Bildu e os independentistas de ERC”, engadiu.

Por iso, insistiu en que aqueles que voten por Cs ou Vox “están favorecendo a independentistas, populistas e ao PSOE”, especialmente, en provincias como Lugo ou Ourense, con pouca poboación e na que a división do voto favorece á forza con máis votos. Con todo, Feijóo non quixo contestar cando se lle preguntou se aceptaría ir en coalición electoral con estes partidos en cidades ou provincias nos que agarda malos resultados.

É a primeira vez que o PP apela con tanta insistencia ao voto útil de formacións que están no seu espectro político, como é Ciudadanos e Vox. Unha situación que acontece cando as enquisas vaticinan unha forte baixada deste partido nas xerais que podería ser histórico e un ascenso considerable do PSOE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta