Conflicto en SOGAMA: denuncian dous anos de precarización e ameazas no transporte de lixo por estrada

A planta de SOGAMA en Cerceda ten un conflicto soterrado dentro da Unión Temporal de Empresas (UTE), formada por Renfe e COPASA, concretamente coa subcontrata Transportes Pacholo S.L. O motivo, precarización laboral nunha empresa que para as fontes sindicais é un cortalumes entre a UTE e os traballadores.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O conflicto xurde da renovación que a Xunta de Galicia, propietaria do 51% de Sogama xunto con Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa) co 49%, cando o goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo asina un contrato para o investimento de máis de 140 millóns de euros, que segundo a Xunta permitiría aforrar 15 millóns de euros “a todos os galegos” segundo o presidente galego ademais de facer “fincapé no transporte por ferrocarril”.

Manifestación contra o acoso laboral en Transportes Pacholo
Manifestación contra o acoso laboral en Transportes Pacholo | Fonte: CIG

O anuncio sae o 20 e xuño de 2014 e logo das correspondentes valoracións, a Xunta decide que a UTE formada por Copasa e Renfe Mercancías é a que mellor se axusta aos parámetros que marca o prego de condicións. Desde ese momento os traballadores da anterior UTE, Ferrovial Transportes Pellejero, piden ser subrogados a Copasa-Renfe, coas mesmas condicións. A nova contrata durará dez anos desde que se asine.

NOVA SUBCONTRATA

Aínda que o transporte de residuos por tren cara a planta de Cerceda pasa a ser prioritario para a Xunta e Sogama, boa parte do lixo que vai parar ao mesmo lugar hai que facelo por camión. Ese traballo corresponderíalle tamén á nova UTE Copasa-Renfe, mais chegado o momento, segundo fontes sindicais “contrataron unha empresa que estaba nunha situación complicada”, que viña dun concurso de acredores e aínda tiña pendente de pagamento algúns créditos. A empresa, Transportes Pacholo S.L., con sede no Carballiño, quedou co transporte de residuos en camión. Esta empresa, que ten un ámbito de traballo que vai do galego ao transporte internacional, sobre todo de conxelados mariños.

“Transportes Pacholo, un mes antes de coller a subcontrata do transporte, creou un convenio propio de empresa alegando estar en situación concursal” din desde a CIG. “Ese convenio está por debaixo mesmo do convenio de Ourense, que é dos máis baixos no transporte no país” din as mesmas fontes. “Cando a empresa chegou a SOGAMA e lles preguntamos cal era o convenio polo que nos íamos rexer, non dicían nada” pois segundo a CIG “ese convenio estaba aínda por ratificar e legalizar antes de entrarmos a traballar con eles”. “Para nós Transportes Pacholo é un cortalumes entre nós e a empresa Copasa, porque sempre que negociamos algo é con Copasa, non con Transportes Pacholo”.

Parte do convenio de Transportes Pacholo, onde se cita a situación económica da empresa
Parte do convenio de Transportes Pacholo, onde se cita a situación económica da empresa | Fonte: CIG

Segundo as fontes sindicais consultadas o salario bruto é de 799 euros, dúas pagas extra prorrateadas que incrementan o salario a algo máis de 1.000 euros, máis 100 euros de plus de transporte e outro de “acarreos”. “Viñamos de traballar en condicións mellores coa anterior UTE, por iso a nova empresa (Pacholo) ofreceu un novo plus de “acarreos”, pois Transportes Pacholo tiña medo de non comezar o servizo con persoas con experiencia, con iso querían achegarse ao convenio do transporte da Coruña” din as fontes da CIG. Sobre perigosidade e outros pluses como penosidade, as fontes sindicais consultadas negan que existan. “Son conductores que carrexan lixo, están expostos a elementos químicos e bacteriolóxicos”.

“As mermas no salario son dun 40% do que pagaba Transportes Pellejero ao que paga Transportes Pacholo, dicían que sería menos salario pero con menos horas”. Ademais, desde a CIG apuntan a falta de día para asuntos propios nin plus de nocturnidade nin por festivos.  Esta situación levou a unha folga xa o 23 de decembro de 2016, meses despois da chegada da nova empresa e que tivo fixados os servizos mínimos dous días antes no DOG. A folga foi desconvocada logo dun acordo entre empresa e traballadores.

Os motivos polos que se subcontratou a Transportes Pacholo son descoñecidos. Hai quen sinala a  posibilidade de que a UTE Renfe-Copasa non quería ter que enfrontar a cuestión laboral do transporte por estrada. “Se unha empresa dedice traspasar a unha subcontrata que no momento ten só cinco traballadores e de súpeto pasa a dirixir case cen, é algo estraño” responden desde a CIG.

ACOSO LABORAL

“Cando comezamos a traballar para a nova empresa non se nos recoñeceu a subrogación, entón fomos á folga e finalmente, os tribunais déronnos a razón”. O veredicto da xustiza acabou implicando unha división salarial. Os traballadores que xa viñan de Transportes Pellejero viron a subrogación recoñecida, mentres que o persoal que fora contratado de novo, non subrogado, tiña unhas condicións inferiores.

“O novo persoal tamén quería as mesmas condicións, era o seu dereito, pero a empresa comezou co acoso téndoos na base sen traballar, cando si había traballo, así lles descontaban días por non ter traballado”. A CIG tamén denuncia que mentres estes traballadores estaban parados, aparecían novos traballadores que facían os labores do persoal ao que non requerían para traballar.  “Se eran novas subcontratas non o sabemos, porque cando hai que negociar algo facémolo directamente con COPASA, non con Transportes Pacholo”. Houbo provocacións para que os traballadores metesen o zoco, mesmo con malas palabras dentro da nave contra algúns empregados". Como mostra esta proba de son a partir do segundo 25.

A denuncia sobre as condicións laborais tamén inclúe “o estado dos camións que é lamentable, porque a maioría están sen mantemento”. Ademais diso, “creamos (o comité de empresa) un comité de seguridade e saúde, temos actas sobre o estado dos camións, roupa de traballo e mesmo preguntarlle quen é o responsable do mantemento”.

AS RESPOSTAS DE SOGAMA, COPASA E TRANSPORTES PACHOLO

Galicia Confidencial contactou con SOGAMA para saber da súa posición sobre o que acontece no tansporte de lixo por estrada. A sociedade pública non quixo entrar no que considera un asunto interno dunha empresa que é unha subcontrata. “O que si diremos é que SOGAMA está polo diálogo entre as partes para ver de chegar a unha solución”.

Pola súa banda, Copasa di non ter aínda na súa axenda de comunicación ningún resultado das negociacións entre os traballadores e a empresa. Con todo, din que manterán informados aos medios no seu momento. Mentres, logo de varias chamadas e intentos de contacto, Transportes Pacholo S.L., non deu respota ás chamadas de Galicia Confidencial.

As conclusións de momento son que as condicións laborais dentro da empresa subcontratada para o transporte por estrada do lixo, non son as mesmas que había anteriormente. Por outra parte, Transportes Pacholo pasara por un concurso de acredores cando Copasa contacta con eles para o transporte do lixo. Por que se fixo isto? De momento non hai resposta plausible. Doutra banda, o actual convenio laboral de Transportes Pacholo foi asinado cando a empresa tiña un número pequeno de empregados e que agora leva case cen traballadores. A CIG denuncia acoso laboral coa intención de crear división entre o cadro de persoal, para que unha parte dese persoal acepte unhas condicións laborais fixadas no convenio de empresa pero que non son as mesmas para os traballadores subrogados da anterior contrata.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta