A Xunta critica ao Goberno central por non favorecer os intereses das grandes empresas e multinacionais

Conde censura a "falta de decisión" do Executivo central para achegar solucións ás empresas electrointensivas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2019 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, censura que "a falta de decisión" e "o silencio administrativo" do Goberno pon á industria galega "en perigo de extinción". Nunha entrevista na Radio Galega este xoves, que recolle Europa Press, Conde reprochou que "a falta de decisión do Goberno está a levar a situacións verdadeiramente dramáticas para o sector industrial en Galicia".

Pon como exemplo o borrador do estatuto de consumidor electrointensivo, o cal "non incluíu a gran maioría das propostas" que pedían empresas como Alcoa e Ferroatlántica. A isto engade a decisión de desistir nos tribunais da defensa da prórroga na concesión de Ence, así como o próximo peche da central térmica de Meirama.

Sobre o estatuto electrointensivo, incide en que a Xunta presentará alegacións en "próximos" días, mentres está "en conversacións" con empresas na procura dunha "solución concreta" que lles achegue competitividade. E é que afea ao Executivo central que fale de transición ecolóxica "xusta", pero "só é xusta se vén acompañada de alternativas" para a industria, porque por agora "só está a significar anuncios de peches de empresas".

10.000 EMPREGOS QUE "NON HABERÍA FORMA DE RECUPERAR"

Aquí, dixo "chamar á reflexión" ao Goberno sobre o que "significan" para Galicia 5.000 traballos na industria electrointensiva, así como 5.000 directos e indirectos vinculados a Ence. Avisa que se pon en perigo 10.000 postos que "non habería forma de poder recuperar".

No tocante a Ence, insiste en que a postura do Estado é "incomprensible", polo que lle pide que "rectifique", xa que a "vertebración do sector forestal en Galicia está en perigo".

"SEN RESPOSTA" PARA O SUPERÁVIT

Por outra banda, Conde reitera que seguen "sen ter resposta" do Goberno á petición de Galicia para poder usar o superávit de 2018, mentres lembra que a Comunidade cumpriu "con todas as normativas e criterios que marcou o propio Goberno socialista".

Fai fincapé en que "é posible desde o punto de vista administrativo aplicar o superávit". "Non hai ningunha variación respecto ao ano 2018 que no ano 2019 impida que o Goberno autorice á comunidade autónoma a aplicar o superávit".

Conde di que todos os venres o Goberno toma "decisións mais vinculadas á campaña electoral" que "a solucionar os problemas dos cidadáns", polo que é "perfectamente factible" que "autorice a Galicia" a usar o superávit, así como a incluír as modificacións fiscais e de rebaixas peaxes para mellorar a situación das empresas electrointensivas.

Xunta e comité de empresa de Alcoa na Coruña avanzan nun caderno de vendas. XUNTA
Xunta e comité de empresa de Alcoa na Coruña avanzan nun caderno de vendas. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta