A sensibilidade química múltiple, unha enfermidade cuxos doentes buscan visibilizar

A eurodeputada Lidia Senra instou á Comisión Europea a incluír este mal na lista europea de enfermidades. Aos afectados élles imposible facer vida normal, xa que non poden estar preto de produtos químicos como os combustibles, disolventes, vernices, colonias ou ambientadores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2019 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

A eurodeputada galega Lidia Senra -membro do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás eleccións europeas-, insta á Comisión Europea a incluír a sensibilidade química múltiple na lista europea de enfermidades.

Así o fixo este mércores mediante o rexistro en Bruxelas dunha pregunta escrita dirixida á Comisión Europea (CE). Nela referíase á sensibilidade química múltiple (SQM), unha enfermidade que se vén detectando nos últimos anos e que cada vez afecta máis á poboación, segundo informa GUE/NGL nun comunicado.

Esta doenza está incluída de maneira oficial na Clasificación Internacional de Enfermidades do Estado español desde 2014 e tamén é recoñecida noutros países como Alemaña (desde o ano 2000), Austria (2001), Suíza (2010), Dinamarca (2012) ou Xapón (2009). A pregunta formulada pola eurodeputada é o resultado da reunión que mantivo o pasado venres en Santiago de Compostela con varios membros da Asociación Sensibilidade Química Múltiple (SQM-Galicia).

PERDA DE TOLERANCIA

Os membros da entidade explicaron a Senra a loita que están a levar a cabo para que se activen os protocolos en todos os lugares e a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñeza a enfermidade adquirida.

A SQM caracterízase pola perda progresiva de tolerancia a produtos químicos diversos, e deriva en problemas cardiovasculares, respiratorios, endocrinos, hepáticos, inmunolóxicos, neurocognitivos, neurolóxicos, xinecolóxicos, androlóxicos e de pel e mucosas. Ademais, xera alteracións no estado de ánimo e tradúcese en incerteza, illamento e incomprensión. Como consecuencia, conduce a que as persoas afectadas pola enfermidade non poidan levar unha vida normal, xa que estar en contacto con combustibles, disolventes, vernices, colonias, ambientadores ou outros produtos químicos, desencadéanlles "serios problemas de saúde".

Deste xeito, Senra insta á Comisión Europea a exercer as competencias que ten para loitar contra as enfermidades e para garantir a saúde ambiental europea. 

A eurodeputada Lídia Senra insta á Comisión Europea a incluír a sensibilidade química na lista de doenzas. GUE/NGL / Europa Press
A eurodeputada Lídia Senra insta á Comisión Europea a incluír a sensibilidade química na lista de doenzas. GUE/NGL / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta