Allariz xa se prepara para correr diante do boi

A Festa do Boi celebrarase este ano do 15 ao 23 de xuño, nove días de troula con máis de sesenta actividades. Ademais das imprescindibles carreiras do boi tamén haberá música, teatro, ocio infantil, encontros populares e unha procesión medieval.

Por X.M. Fernández | Allariz | 29/03/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Este xoves tivo lugar en Allariz a presentación oficial da popular Festa do Boi. Integrantes da Asociación Cultural Xan de Arzúa, encargados da organización da Festa, acompañados pola alcaldesa, Cristina Cid e o tenente de alcalde, Bernardo Varela,  deron conta das novidades referentes á programación. Tamén os acompañou o ilustrador Miguel Robledo, quen deseñou a imaxe da Festa do Boi 2019.

Presentación Festa do Boi 2019. Concello de Allariz.
Presentación Festa do Boi 2019. Concello de Allariz.

Na edición deste ano contémplanse na programación dezaseis carreiras do boi e o comezo de cada unha delas será anunciado con 6 bombas de palenque e unha soa avisará da súa fin. Neste punto, dende a Asociación Xan de Arzúa recordan a importancia de seguir os consellos escritos no programa, así como nas entradas das rúas ao casco histórico, por onde se desenvolven as carreiras.

Na súa aposta por poñer en valor o carácter cultural e histórico da festa, os organizadores potenciarán actividades como a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios. Arredor de 600 persoas, ataviadas cos seus respectivos traxes, representan oficios da época e recrean a orixe da Festa do Boi.

Para os máis pequenos/as tamén hai espazo para a participación, e dende o concello téñense cada ano máis presentes na programación de actividades. Ademais das xa coñecidas carreiras de boi infantís, este ano haberá, entre outras cousas, xogos tradicionais, un espectáculo de monicreces creado polos centros de ensino de Allariz ou o Pistaboi: Á busca de Xan de Arzúa.

A música, outro dos compoñentes característicos desta festa, tamén terá unha importante presenza contando con  grupos de música tradicional, batucadas, charangas, orquestras, e os tradicionais Zés Perreiras, entre outros.

No que respecta ao financiamento, o Concello de Allariz apoia pero non asume o custe da Festa do Boi. O orzamento para este ano é duns 82.000 euros que estará sufragado pola achega voluntaria dos veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución.

TEÑAMOS A FESTA EN PAZ

Polo ben da celebración e a continuidade da mesma, os organizadores quixeron transmitir tamén un alegato baixo o título “Teñamos a Festa en Paz”. Este será o lema, o espírito que queren que reine na Festa do Boi 2019 a prol da convivencia e para manter viva a festa por moitos anos.

“Falamos de convivencia como espazo común para o encontro de todos e todas, coa necesidade de establecer pontes para o entendemento entre os e as diversas. Porque valoramos a diversidade de formas, e porque para que a festa sexa festa, precisa de buscar as maneiras para entenderse” explican dente a Asociación Xan de Arzúa. E engaden, "por isto excluímos dos nosos eventos as violencias, repudiamos firmemente os comportamentos machistas pero tamén os que traen consigo violencia gratuíta. Non queremos unha festa con violencia, queremos unha festa, festa!”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 M. Vila

Non queredes violencia, e sometedes ao boi? Curioso xeito de respetar os dereitos de outras especies non humanas! Noxenta maneira de entender a convivencia, poñéndose por riba de outros seres vivos que sofren e senten ansiedade no medio do tumulto para diversión duns poucos descerebrados! Tamén podedes facer un tiro ao pichón, e pregonar que é unha festa pacífica onde só disparades contra as pombas da paz!