O Concello de Santiago acorda exercer de acusación particular no caso do vertedoiro de Miramontes

A decisión chega tras a decisión de Fiscalía de Medio Ambiente de presentar dúas denuncias por suposto delito ambiental contra as empresas xestoras do vertedoiro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2019 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago acordou en Xunta de Goberno comparecer para exercer a acusación particular nas dilixencias previas iniciadas como consecuencia da denuncia e querela da Fiscalía nos xulgados números 1 e 3 de Santiago contra Tecnosolos Galaicos e Sertego Servizos Ambientais, respectivamente, como consecuencia das denuncias presentadas pola Plataforma de Afectados o Vertedoiro de Miramontes.

Esta decisión, anunciada este venres en rolda de prensa polo alcalde santiagués, Martiño Noriega, chega tras a decisión de Fiscalía de Medio Ambiente de presentar dúas denuncias por suposto delito ambiental contra as empresas xestoras do vertedoiro e da planta de elaboración de tecnosuelos da canteira de Miramontes.

Segundo explicou a Plataforma, no caso do vertedoiro, a Fiscalía considera que a mala xestión do mesmo pode supor un posible delito ambiental, enumerando unha serie de incumprimentos recolleitos nas actas de inspección realizadas pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta".

Neste sentido, Noriega lembrou que "no seu momento", o Concello xa participou na denuncia que se fixo diante de Fiscalía "onde se estaban a pór en coñecemento do Fiscal determinadas irregularidades na explotación do que era a canteira".

"Entendemos que é lóxico e coherente facer un seguimento ás denuncias elevadas ao xulgados número 1 e 3", subliñou o rexedor compostelán, quen engadiu que o Concello actuará "en defensa dos intereses públicos dos colectivos veciñais e do propio Consistorio".

ANULACIÓN DE LIQUIDACIÓNS

Noutra orde de cousas, Noriega deu conta da resolución do Tribunal Económico Administrativo de Rexional (TEAR) de Galicia, que anula as liquidacións en concepto do servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros do período 2011-2016.

Así, tal como explicou o alcalde de Santiago, trátase dunha "boa noticia", xa que se anula desta maneira a reclamación que Facenda lle facía ao Concello, que entendía que o Goberno local, á hora de facturar Tralusa, tiña que contemplar o 10% do IVE.

"O TEAR di que iso non é así. E é unha boa noticia, xa que se facturan millóns de euros cada ano e teríase que pagar un 10% diso. Desta maneira, evitarase que haxa un impacto importante nas actas municipais", dixo Noriega.

Manifestación de veciños afectados polo vertedoiro de Miramontes
Manifestación de veciños afectados polo vertedoiro de Miramontes

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta