Cineuropa: 25 anos abrindo ollos

Rematou Cineuropa. E rematou a 25ª edición, a máis arriscada, tanto pola crise como polo nivel das películas, ou pola esixencia de celebrar unhas vodas de prata que se presumían difíciles ante estes tempos incertos. Mais o público compostelán e chegado de fóra respondeu como nunca, e a asistencia incrementouse nun 6%, acadando o teito de 34.000 espectadores, a mellor cifra ata o de agora.

Por Jorge M.de la Calle | Compostela | 06/12/2011

Comparte esta noticia

Foi tamén a edición na que máis veces se pendurou o cartel de “Entradas Esgotadas”, a pesar de que había unha sala de proxección menos, ou do arriscado da programación, con propostas difíciles, como as dos cineastas Bela Tarr ou Bruno Dumont. José Luis Losa, director de Cineuropa, expuxo estes datos e a súa satisfacción pola edición “máis exitosa” de Cineuropa, na que o público respondeu máis masivamente e con maior entusiasmo a un festival cada vez mellor e máis variado, con máis e mellores sorpresas.

Como a de darlle un premio a Jorge Drexler, en principio arriscada, pero que derivou nun magnífico concerto no Auditorio de Galicia, ateigado até arriba, no que se demostrou a íntima complicidade entre o cantautor e o seu público e a relación de moita da súa música co cinema. Jorge Drexler confesou estar marabillado con Galicia, ademais de simpatizar co movemento 15M. Tamén brillante a idea de ofrecer un concerto de Shostakovich a cargo da Real Filharmonía de Galicia, no mesmo máxico marco, para celebrar ao grande os 25 anos cun filme do expresionismo soviético cuase centenario. Como celebración foi, ao tempo que recordatorio e homenaxe, a reposición dos grandes clásicos do cinema independente e de calidade que pasaron por este recuncho do mundo: “My name is Joe”, de Ken Loach; “Merci pour le Chocolat”, de Claude Chabrol; “Caché”, de Michael Haneke; “Bailando na escuridade”, de Lars  Von Trier; “Underground”, de Emir Kusturica... Ao igual que os seus últimos traballos: a arrebatadora “Route Irish”, de Loach, ou “The Conspirator”, de Robert Redford, que se estreou por primeira vez en España aquí en Santiago. “The Artist”, que foi a máis valorada polo público dentro da sección oficial, e polo tanto recibiu o Premio do Público, tamén se estreou por primeira vez en Galicia neste festival, onde o público demostrou anticiparse co seu bo criterio á choiva de premios que moi seguramente recibirá nos vindeiros Oscar.

Do cinema mudo en branco e negro en pleno século XXI de The Artist ás películas futuristas e disparatadas como Attack the Block, de Joe Cornish, e demais reis do freak cinema como Shion Ono ou Bruno Dumont. Do cinema xélido e pausado da Escola de Berlín ao ritmo endiañado e trepidante do balbordo rioplatense na Conexión Bos Aires. Do panorama máis internacional, con filmes de México, Portugal, Noruega, Líbano, Hungría, Poloña, España... con especial atención a Asia, China e Xapón (Shion Ono), Alemaña (Andrés Vieil), Arxentina (Alberto Fuguet) e  Francia (Valerie Donzelli)... ao panorama galego, con cineastas nosos coma Seném Outeiro, Alberte Pagán ou  Marcos Nine, entre moitos outros, con especial atención ás creadoras galegas, ás que se lles adicou un apartado especial, con mesa redonda incluída. Do desenfado lixeiro e bucólico de fábula da Raíña das Mazás ao grave, tremendo e sobreactuado do Oviedo Express de Gonzalo Suárez (ambas cintas tolas, disparatadas e cheas de humor e sexo), esta cunha Aitana Sánchez Gijón arrebatadora no seu papel de diva, que recibiu un dos Premios Cineuropa na gala de inauguración. Da mirada intimista e focalizada do Rapaz da Bicicleta (dos irmáns Jean-Pierre e Luc Dardenne), cinema neorrealista, tenro e violento a un tempo, e o surrealismo cotián de Le Havre (cun Aki Kaurismaki en estado de gracia), á ollada itinerante, global e trepidante de Ken Loach trazando a miseria moral da guerra de Irak, ao igual que “Essential Killing”: as dúas combinando a acción sen descanso compromiso, a reflexión sobre a violencia, as sombras do ser humano e os escuros intereses da política. Como os que moven os fíos de “El estudiante”, un dos filmes mellor valorados polo público que, xunto coa ficción, acudiu en masa para admirar documentos sociais impresionantes, como o da pobreza das chabolas arxentinas en Yatasto, ou a emigración galega en Vikingland. Moitos documentarios afondaron na memoria, na búsqueda das nosas raíces e o noso pasado, con retrospectivas como a de Antón Caeiro, sobre os nosos maiores, ou os últimos traballos que intentan afondar nunha grande figura das nosas letras como Lois Pereiro, ou que tentan indagar nas causas psicolóxicas do fascismo, ao tempo que loitan contra a amnesia moral e social, como Alberto Yaccelini neses últimos fotogramas de El fabricante de Cepillos. O director arxentino arrebata os seus últimos fachos de memoria a un vello membro do partido nazi. A ironía e a crítica ácida veñen da man. Explorar o dolor ao tempo que o humor e o amor adoita ser difícil, mais cando se consigue trae óptimos resultados, como demostraron Valerie Donzelli e La guerre est declaré, ou Et Maintenant Où Va?, de Nadine Labaki, ambos filmes intelixentes, divertidos, frescos e arriscados, dos chamados con “mensaxe”: o primeiro, un alegato acendido da sanidade pública, co exemplo persoal da loita contra un cancro infantil, e o segundo, un testemuño luminoso do papel das mulleres no conflicto de Oriente Medio, coa versión máis actualizada da comedia de Aristófanes, Lisístrata. Películas innovadoras, áxiles e con contido que mesturan comedia, amor, denuncia, e, rizando o rizo, números musicais, sen caer no aburrimento, o barroquismo ou a pretensión gratuíta. E ambas asinadas con nome de muller. A última foi a máis valorada polo público compostelán, por riba incluso de “The Artist”, a que recibiu o Premio do Público.

Cineuropa foi sempre un rito, un bonito costume, sobre todo dos estudantes, que faciamos longas colas para ver os nosos filmes favoritos dos autores máis descoñecidos. O que se daba e dá en chamar “cinema independente e de calidade”. Mais conseguiu superar a nostalxia e demostrar que está máis en forma que nunca, chegando a máis xente có seu público habitual composto de xente nova, experta ou elitista, diversificando o seu programa, democratizando o coñecemento das películas e a venda das entradas a través da web e das redes sociais, e reforzando os elos co público, que esgotou máis que nunca e con máis anticipación as entradas, seguiu con interese e entusiasmo os coloquios e respondeu ás galas do mesmo xeito. En definitiva, o director de Cineuropa, atribúe o “crecemento exponencial” desta edición de Cineuropa á sintonía entre Festival e público, ao sedimento que o Festival foi creando ao longo destes anos e a “un público crítico e informado”. Losa salientou a “interactividade” que se deu este ano co público, que “permanecía na sala e festexaba con ovacións, durante os créditos, as películas, unha liturxia propia dos festivais”.

Noraboa ao director e programadores polo bo gusto, aos que traballaron incansablemente para traer marabillosas cintas de todas partes do mundo, ao equipo técnico que non rompeu a maxia do celuloide, ás rapazas e rapaz da billeteira que nos deron as mellores butacas para que veramos xuntos os filmes, ás azafatas que nos buscaron con paciencia e dilixencia, e sempre con simpatía, un sitio cando chegabamos tarde, á xente de Comunicación do concello de Santiago por difundir, informar, xestionar e atender amable e eficazmente todas as solicitudes de prensa e público, ao público mesmo por asistir como nunca... Cineuropa consolídase, díxoo José Luis Losa en rolda de prensa, como “festival de referencia de cinema de autor”. 25 anos abrindo os ollos de composteláns, galegos e foráneos, persoas en suma, que, como din por aí, despois de ver determinadas películas, saen sendo mellores persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jorge M. de la Calle Jorge M. de la Calle, “Moz” (A Coruña, 1982), é xornalista e fotógrafo, licenciado en Xornalismo pola Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, na especialidade de Xornalismo Electrónico. Traballou breve e precariamente en La Región, La Voz de Galicia, Xornal de Galicia, Revista ECO e Cadena Ser, aínda que a mellor maneira de exercer a profesión para el é por libre e de xeito independente, con colaboracións habituais para Galicia Hoxe, Praza, Diagonal, GC e Mundogaliza.com, dinamizando as redes sociais coas súas fotos e reportaxes, e implicándose en calquera causa social na que pague a pena ser activista. Mantén esporadicamente dous blogues, entre o sentimental e o actual, entre a música (a súa gran paixón), o cinema, o político e o literario, ou todo xunto: Fifteen Minutes with you e As outras voces, este integramente en galego.