Unha galega á conquista do Atlántico: O poder do Océano

Maite Rojo é patroa de barco e gobernará, por primeira vez, un barco desde as Palmas de Gran Canaria ata Tórtola, nas Illas Virxes Británicas, cruzando todo o Océano Atlántico. Na sección "Dominando os mares" irá contando o seu día a día nunha travesía de 3.000 millas á fronte dun veleiro de 19 metros.

Por Galicia Confidencial | Atlántico | 13/04/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Normalmente navegaremos o barco en manual (sen piloto automático) porque cunha vela tan grande hai pouca marxe de erro e neste caso iamos ao límite do seu cazado, con respecto ao rumbo que queremos levar.

Asoma temporal no medio do Atlántico
Asoma temporal no medio do Atlántico

Seguimos até a tarde co spi cambiando ao temoneiro, cada un co seu garda, ben entrada a tarde vira o vento vindo case de proa con tan só uns 5 nós. Quedamos de acordo que non debemos de ir a menos de 5 nós de velocidade, non de vento, así que acendemos o motor.

Un grupo de golfiños vén xogar na proa xusto antes da posta de sol. Tentei sacar unha chea de fotos e vídeos, aínda que nunca é tan espectacular como en realidade. Que marabillosas criaturas. Un iate de luxo enorme séguenos por estribor durante horas en dirección a San Martin.

Empezo a afacerme á rutina, levantando tarde cun café, pouco despois preparar ou axudar na cociña (moussaka para comer e sopa con arroz e pito para cear, segue a inspiración na comida), tempo para adestrar con sesións de forza que o meu irmán me preparou, e estou a ler un novo libro, como sempre dalgún explorador, deportista ou persoa que me inspira. Para ler, para escribir, para tocar a guitarra, cada un mata as horas con diferentes entretementos e cultura.

Logo chegan as gardas, catro horas e catro horas, ademais de tentar durmir o que se pode, doutra forma non chega o descanso a nada. Todo foi preparación do barco e da xente a bordo. Agora chega o tentar manter unhas rutinas, unha calma, un traballo diario para que o barco e nós cheguemos en perfecto estado.

Maite Rojo levando un veleiro polo Atlántico
Maite Rojo levando un veleiro polo Atlántico | Fonte: remitida

Paramos motor e podemos manter os famoso 6 nós. Todos estamos de acordo en que atoparemos máis vento outra vez, xa que non é moi normal ter ventos de proa nesta zona e época do ano. Quedamos sen vento outra vez e volvemos pór o motor. Miramos, despois de descargalo grazas ao satellite, o último parte meteorolóxico que indica case nada de vento e máis tempo de motor. Paciencia e avante.

Pasamos por lixeiras choivas e algunhas nubes de tormenta aínda que non estaban preto.

O luns foi todo o día a motor e algo de ondada comeza pero nada o suficientemente preocupante. Hai unha competición de Backgammon na bañeira e ao sol, todos teremos que competir contra todos e ver quen gañou máis partidas. 

Pasta e ensalada de comida e sopa de remolacha picante de cea. Colorido ao máximo.

Ventos e Tormentas  

Finalmente entra o vento prometido, que estaba entre 15 e 20 nós e que nos leva máis ou menos directo a Tórtola. Tivemos unha boa noite de navegación a 7-8 nós de velocidade. Poderiamos ter ido máis rápido pero de noite é mellor manter unha boa vixilancia, non romper nada e deixar ao resto da tripulación descansar. 

Sobre as 6:30 am o tempo cambia e chegamos a ter refachos de 20 -30 nós, chuvascos abundantes, o ceo completamente negro, o cal non é un bo sinal e por suposto con momentos así, no que tamén incrementan as ondas, hai que levar o barco en manual. Todo aquel que vai un intre a axudar ou navegar na bañeira acaba empapado, neses momentos lembro que teño que comprar un traxe de augas novo, porque os pantalóns empápanseme.

Cambiamos de Xenova a trinqueta e a maior rizada que case parece un pequeno pano. As condicións son duras até o mediodía, no que teremos un almorzo tardío con sandwiches, navegando e mollándonos ao mesmo tempo.

Ao pobre mariño que lle tocou facer o almorzo/comida, caéronselle 10 ovos por todo o mesado da cociña así que a limpeza levou máis tempo que a comida. No interior todo se move. É un barco pensado  para cruceiro de relax, hai libros, unha guitarra e unha chea de utensilios na cociña ou cousas persoais na mesa de cartas, se un maréase non é o mellor momento para empezar a recoller todo. 

Só estar de pé xa é toda unha fazaña, facemos uns 35º de escora. No exterior todos levan chalecos salvavidas e unha liña de vida cun mosquetón que che amarra ao casco e déixache moverte tan só un metro.

O Atlántico lémbranos que estamos no medio dun océano e o poder que a natureza ten. As predicións de baixas presións en areas concretas non son exactas, así que non nos podemos fiar e a situación pode cambiar dun momento a outro. Navegamos máis tarde a 7/8 nós de velocidade nuns 12-14 nós de vento aínda que temos que cambiar algo o rumbo, que agora apunta máis a Venezuela.

Cruzamos as 600 millas navegadas.

A cea foi pastel de carne, que entra xenial despois dun día duro e con moitos cambios. Facemos funcionar o xerador e ademais a potabilizadora para facer auga, xa que un dos tanques está case baleiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta