Por Galicia Confidencial | Carnota | 13/12/2011 | Actualizada ás 20:08
Hai uns días celebrouse en Caldebarcos (Carnota) o II Simposium Monte Pindo coa intervención de escritores, biólogos, xeólogos e comunicadores. Ao longo de dez horas diversos, estes expertos e representantes veciñais foron debullando aspectos máis ou menos coñecidos da mitolóxica mole granítica que enmarca a paisaxe da Costa da Morte.
E nunha destas charlas, o xeólogo Xoán Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, deu conta dun descubrimento de gran valor científico e que é moi pouco divulgado. Este científico investigou a vida microscópica presente nos espeleotemas ou depósito das cavidades rochosas e descubriu que estes entes microscópicos son os responsables dun proceso biolóxico que chega a perforar e devorar a rocha granítica do Monte Pindo, coa axuda da luz e dos cursos naturais da auga.
Así, e segundo suliñou, moitos dos tafonis ou cacholas tan característicos do Pedregal son debidos a esta acción microbiótica. O mesmo Vidal Romaní foi quen de constatar en covas do Monte Pindo esta actividade, que amosou aos asistentes mediante numerosas fotografías microscópicas das mostras recollidas nas súas incursións e nas que se observa a sorprendente vida que poboa estes depósitos
Asociacionismo
Nestas xornadas tamén participou César Cambeiro, actor e portavoz dos veciños de Caldebarcos, que falou dos posicionamentos activos dos veciños da Costa da Morte que se traduciron, nos últimos anos, no nacemento de asociacións como Monte Pindo Parque Natural, as comunidades de montes ou a propia AAVV Xurde Caldebarcos que el preside.
De seguido, Margarida Miguens Busto, bióloga e membro de ADEGA, entroncou esta filosofía coa súa ponencia sobre a custodia do territorio "Dise custodia do territorio a cando é a propia veciñanza quen se organiza e toma parte activa na protección do territorio mediante acordos cos seus propietarios", salientou. O colectivo ribadaviense Ridimoas foi quen implantou esta filosofía en Galiza xa no ano 1988. Segundo Margarida xa existen en Carnota organizacións que, conscientes ou non dilo, xa fan custodia do territorio, como Rainha Lupa de Quilmas, Mar de Lira, ou a propia Asociación Monte Pindo Parque Natural coas súas iniciativas de recuperación de sendeiros e divulgación. A nivel galego o número de entidades e terras dedicadas a esta fórmula triplicouse no último ano, o que demostra que é algo moi a tomar en serio e máis nun sitio que parece tan apropiado para ilo como é o Monte Pindo.
Tamén Xosé Manuel Lobato, escritor e doutor en filosofía e ciencias da educación, presentou o seu libro "Máxico Tear Natural", un percorrido íntimo por 23 espazos naturais galegos máxicos, entre os que non podía faltar o Monte Pindo.
Reptíles e outras actividades
Por outra banda, Moisés Asensi Cabirta, que é arquitecto técnico, membro da Sociedade Galega de Historia Natural e autor da "Guía dos anfibios e réptiles de Galicia", disertou sobre os tipos de anfibios e réptiles que abondan en Galicia, e concretamente no monte do Pindo.
Nas xornadas tamén se estreou en exclusiva do documental "Sendeiros ocultos: Ruta á Moa"convenientemente presentado por Andrés López Romero, director, que acompañou a Xilberto Caamaño polos lugares máis interesantes do Pedregal durante máis de 5 horas para obter esta peza audiovisual que agardamos, en breve, ver entrar en todos os nosos fogares pola televisión. E tamén houbo unha xornada poética a cargo do poeta local Xoán Lestón, veciño de Caldebarcos.
O día rematou cun debate aberto no que se abordaron diversas cuestións da preocupación dos asistentes como a da moda das pintadas e gravados nas pedras do monte, a severa crítica da área recreativa, a oposición ao parque natural de un ex-alcalde que antes o prometía ou a posible extinción do lirio de monte.
Tamén se propuxeron propostas como a mellora da sinalización de determinados roteiros hoxe confusos, a creación de vías de escalada onde sexa compatible así como a defensa activa do Monte Pindo para convertelo nun parque natural.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.