A europa dos vellos estados

Cando escribo estas liñas son aínda descoñecedor da reacción dos “mercados” ao acordo provisionalmente alcanzado polos Estados da UE (todos agás o Reino Unido) o pasado venres 9 de Decembro. Dubido en calquera caso que posúa o carácter de “definitivo” que algúns xa se apresuaron a outorgarlle. Na opinión de quen lles fala é un acordo insuficiente e que no canto de clarificar a situación non fai máis que crear novas incertezas. Veremos se nos equivocamos.

Por Manuel González L. | Compostela | 14/12/2011

Comparte esta noticia

Dende o punto de vista económico a solución chegada polos Estados da UE é mala e insuficiente. Así, a necesaria (e reclamada por moitos) gobernanza económica común fica limitada ao estrito control da austeridade demandado pola dereita Xermana. Non se menciona ningún mecanismo explícito de emisión de débeda mancomunada (eurobonos) e tampouco queda claro que o BCE vaia actuar de xeito decisivo nos mercados da débeda soberanana, de cara a establización do prezo da mesma. Unicamente se compromete esta entidade coa banca, dotándoa da liquidez que lle nega o mercado interbancario, pero de pouco vai servir iso se non se ataca ao mesmo tempo o elevado custe de financiamento dos Estados. Finalmente, como xa nos teñen acostumados os gobernantes conservadores europeos, non se pon en riba da mesa nin unha sóa medida a escala Europea destinada a estimular o crecemento. Tal e como apuntan os representantes da coalición da Alianza Libre Europea-Verdes do Parlamento Europeo, todo indica que teremos outro cumio decisivo tan pronto como en Xaneiro para solucionar (outra vez) este problema.
 
Pero é quizais no plano político onde os resultados son máis desconcertantes. Podemos coincidir en que o “non” británico, á espera de que sexa definitivo, permite deixar atrás un lastre no avance da construción europea pero tamén é certo que abre un cenario de máxima confusión institucional ao deixar nun limbo o papel dun Parlamento e dunha Comisión que o son dos 27 e non dos 26 que seica avanzarán pola vía rápida. Dese xeito ábrese a porta a unha “nova Europa” construída e xestionada mediante cumios intergubernamentais o que na práctica podería deixar en saco roto os escasos avances na construción dunha democracia Europea. Para moitos cidadáns que acreditan na Unión Europea, este proxecto só ten sentido se trascende aos esquemas dos vellos Estados e accede a cotas de soberanía respaldadas directamente pola vontade popular. Tal e como nos indica o filósofo alemán Jürgen Habermas o proxecto Europeo non pode continuar sendo exclusivamente o dunha elite de dirixentes dos Estados. Ese é o grande reto político co que nos atopamos e que non semellan comprender os mandatarios conservadores europeos. E a paradoxa é que nunca antes Europa estivera tan de cheo nos debates e preocupacións da cidadanía europea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.