El Progreso, o último dos grandes medios galegos en facer despedimentos masivos

O grupo lucense inicia un plan para tentar sanear a súa maltreita economía que recolle despidos, prexubilacións e non renovacións de contrato. O Colexio de Xornalistas lamenta a situación e alerta dos perigos do abandono informativo en Lugo.

Por Galicia Confidencial | | 15/04/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un total de trece traballadores do Grupo El Progreso de Lugo, a maior parte deles xornalistas, eran despedidos a pasada semana. Unha decisión que traballadores do propio xornal “vían vir” ante a mala situación económica que atravesa esta empresa de comunicación.

Traballadores do Grupo El Progreso cando o monarca español visitou o xornal
Traballadores do Grupo El Progreso cando o monarca español visitou o xornal | Fonte: Casa Real Española

De feito, estes despedimentos non son os únicos que afrontará El Progreso. Veñen acompañados de prexubilacións e da non renovación doutros traballadores aos que lles rematan contratos, ben sexan laborais ou contratos Feuga. En total, esta primeira medida afectou, segundo as fontes consultadas por GC a máis de 30 persoas. O principal obxectivo é reducir o cadro de persoal do grupo de comunicación máis importante da provincia de Lugo, que xa fora afectado por outros despedimentos nos últimos anos, aínda que moi inferiores ao destes días.

De feito, El Progreso pasa por unha delicada situación financeira que non pode aguantar os case 270 traballadores que ten. Ata o momento, a dirección do medio estivo aguantando pero tras a gran renovación realizada por La Voz de Galicia, con despidos importantes tamén na provincia de Lugo, tamén o grupo lucense decidiu acometer a súa renovación. Unha renovación na que se agardan novas saídas de traballadores que tamén afectan a Diario de Pontevedra, Galiciae e Axencia Galega de Noticias (AGN), tamén dependente deste grupo.

As fontes consultadas aseguran que a plantilla está “sobredimensionada”, pero critican que se comecen os despidos pola parte “máis débil”. “Sempre son os xornalistas os que teñen que asumir as responsabilidades dunha mala xestión”, comentan. De feito, critican, como xa aconteceu no seu día con El Correo, La Voz de Galicia, La Región ou Faro, que non se recorte polo persoal de dirección ou administración.

A nova reestruturación do Grupo El Progreso coincide, ademais, con cambios na dirección do medio, coa saída do antigo director, Lois Caeiro e a chegada de Alfonso Ribeiro. Con todo, os despedimentos xa estaban previstos desde hai tempo. Por iso, decidiuse activar o plan de reconversión empresarial tras a celebración dos premios Puro Cora, que reparte o propio medio de comunicación, e que tivo lugar a comezos deste mes.

Portada El Progreso
Portada El Progreso | Fonte: elprogreso.es

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)  lamentou “profundamente” estes despedimentos e fixo un chamamento para evitar o “progresivo desmantelamento de medios na provincia de Lugo”.

OUTROS PECHES

Os despedimentos en El Progreso coinciden tamén co peche de  Radio Mariña e Radio Faro, vinculadas á Radio Lugo - Cadena Ser. Unha situación que, segundo o CPXG, prexudica gravemente a pluralidade informativa na provincia. 

“O baleirado da oferta informativa en Lugo non é máis do que outro chanzo no desmantelamento do interior do noso país. As zonas menos poboadas, rurais ou periféricas só terán futuro se teñen acceso a unhas oportunidades mínimas, entre as que se atopan as posibilidades de emprego, tamén para os xornalistas, e o acceso a todos os dereitos básicos, tamén ao de seren informados”, indicou nun comunicado.

Por iso, apelou á responsabilidade de administracións, empresas informativas e sociedade en xeral para tomar medidas que impidan a fin da oferta informativa no interior do país. “Se Lugo se converter nun ermo xornalístico, o abandono será irreversíbel”, concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Wilder

O Retroceso, como é coñecido en Lugo, é unha desas follas parroquiais como El Correo Gallego, exemplo de xornalismo do século XIX. Aínda lembro a portada coa comunión dun familiar de Cacharro Pardo... Que estes panfletos reaccionarios e hipersubvencionados desaparezan é unha boa nova. Compren medios galegos e en galego!

1 Tinerio

Martiño está a piques de fundir o noxento El Correo Antigallego en Santiago. A ver se despois do 26-M sae alcalde de Lugo algún de Anova para que faga o mesmo con Retroceso. Queda pouco, Fai que pase, como dí Sánchez.

1 Pitito

Como toda a "parte do pastel" dos cartos publicos lévaos a Vox de Galicia, pois estes teñen que aguarta-lo seu pau cos restos, e o que non da, non da, ainda que lle fgas de altofalante ao neno dos Peares