O estraño secuestro de Arousa do que ninguén recorda nada

As vítimas afirman non lembrarse do suceso e Fiscalía retira a acusación dun dos procesados. Un dos acusados afirma que consumiu cocaina na nave abandonada onde puideron estar retidas as secuestradas e na que apareceu sangue, o que normalmente lle fai sangrar polo nariz.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2019 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

O xuízo polo secuestro de dúas mulleres en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) o 20 de novembro de 2013 quedou visto para sentenza na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra despois de que as vítimas non lembrasen o sucedido e a Fiscalía retirase a acusación contra un dos procesados.

Garda Civil
Garda Civil | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

O fiscal da causa, Augusto Santaló, retirou a acusación contra un dos procesados, R.J.R., natural de Valladolid. Esta decisión "era previsible", valorou Santaló, xa que as vítimas tan só o incriminaron nun arquivo fotográfico policial pero, posteriormente, retractáronse e tamén foron incapaces de asegurar nunha roda de recoñecemento que fose el un dos secuestradores.

Respecto do outro individuo, Manuel S.M., veciño de Salamanca, o fiscal mantivo a súa acusación cunha petición de condena de 12 anos de prisión. Neste caso Augusto Santaló apóiase nas probas de ADN obtidas, pero asume que as "reticencias" das testemuñas a recoñecer a nave industrial onde se obtivo a mostra de sangue como o lugar onde estiveron secuestradas debilita as teses da Fiscalía polo que lograr que a acusación prospere "é complicado" xa que "esa era a base esencial", admitiu Santaló.

A segunda sesión deste xuízo, celebrada este mércores, tivo como únicas protagonistas ás dúas mulleres que foron secuestradas e que o martes non acudiron á vista oral. Rosario C., esposa do narcotraficante José Ramón Dorgambide, alias 'O Panadeiro', e a súa asistenta F., non recoñeceron aos acusados como os individuos que as retiveron contra a súa vontade, ameazáronas e roubaron na súa casa. "Non os coñezo" e "nunca os vin", declararon protexidas detrás dun biombo.

A falta de colaboración durante o xuízo e a súa reiterada resposta "non me acordo" levaron ao presidente do tribunal, Xosé Xoan Barreiro Prado, a advertir ás testemuñas de que estaban obrigadas a dicir a verdade e que, en caso contrario, poden incorrer nun delito de falso testemuño que leva penas de prisión.

A pesar da advertencia, as dúas mulleres insistiron no seu lapso de memoria. "É algo que quixen esquecer e quedóulleme borrado", xustificou unha delas. Nin sequera lembraron as súas propias declaracións recollidas nas dilixencias que constan no sumario. As prexudicadas tampouco se personaron na causa como acusación.

SANGUE

Segundo o escrito do Ministerio Público, sobre as 10.30 horas tres persoas vestidas con uniformes da Garda Civil acudiron ao domicilio de Dorgambide, atáronlle as mans a estas dúas mulleres que se atopaban na vivenda e despois leváronas a unha nave industrial, ameazándoas ata que lles dixeron onde ocultaban o diñeiro. Despois fuxiron abandonando un coche e queimando outro, ambos os vehículos pertencían á familia Dorgambide.

O avogado da defensa lembrou que estas dúas vítimas non comunicaron os feitos á Policía ata varios días despois. Tamén insistiu en que non se acreditou "de ningún modo" que a nave investigada en Rubiáns fose o lugar onde estiveron retidas estas mulleres. Polo que non se establece un vínculo coas pingas de sangue co ADN do acusado que se atoparon no chan. "A relación entre as pingas de sangue e o lugar do secuestro floxea un pouco", indicou o fiscal.

Aínda así o fiscal insistiu en que un oficio policial relata como a esposa de Dorgambide, acompañada polo seu avogado, foi levada á nave e alí si o recoñeceu como o lugar no que estiveron secuestradas. Durante o xuízo Manuel S.M. declarou que tivo sexo nunha nave industrial abandonada cunha muller que coñeceu de festa e que naquela nave consumiu  cocaína, o que habitualmente lle facía sangrar polo nariz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta