Feijóo ataca a Cs por absterse no pleno de Ferrol que retirou a distinción de Fillo Adoptivo a Fraga

Lémbralle que hai uns días o seu candidato en Lugo presumía da herdanza de Fraga.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2019 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, criticou a Cidadáns, por absterse no pleno municipal celebrado en Ferrol (A Coruña) no que Ferrol en Común, PSOE e BNG votaron a favor de retirar a distinción ao expresidente Manuel Fraga de Fillo Adoptivo, que lle foi concedida durante a ditadura, no ano 1965.

A moción, presentada polo BNG, contou cos votos a favor dos concelleiros desta formación, Ferrol en Común e PSdeG e o rexeitamento dos 11 edís do Partido Popular. A concelleira de Cs abstívose.

A través da súa conta de Twitter, Feijóo tachou de "lamentable" a decisión de Cidadáns, lembrando que é "o mesmo partido que nesta campaña tentou reivindicar a Fraga como propio".

Na mesma publicación, colgou unha información cunha foto na que se ve ao candidato de Cs de Lugo, José Manuel Branco, á beira do busto dedicado a Fraga en Vilalba, erixindo ao partido laranxa como "verdadeiros herdeiros do falecido presidente da Xunta".

Feijóo conclúe que "despois se estrañarán de que os galegos non confíen neles e teñan cero escanos no mesmo @Par_Gal onde Fraga tivo maiorías absolutas".

A publicación xa recibiu a réplica do candidato de Cs en Lugo, que saíu ao paso da crítica en Twitter. En galego responde "Sr. Núñez, Feijóo, moi orgulloso de defender que Fraga non admitiría a súa xestión en Galicia. Vostede nunca veu ao Courel como presidente e di defender o rural? Esta é a súa Galicia, Galicia, Galicia!!".

Acompaña a publicación cun vídeo no que se sae sentado, acompañando a unha veciña da zona que pide unha estrada e que se queixa de "que antes había máis servizos e cada vez vaise a peor". Entre as súas frases, intercala vídeos de Feijóo nun acto como candidato no que comprometía un "proxecto estable". "Esta é a Galicia, Galicia, Galicia", conclúe o representante de Cs.

Pero as críticas de Feijóo tamén se dirixiron ás formacións que votaron a favor de quitar a distinción a Manuel Fraga en Ferrol, aos que que tachou de ter "complexos" por ser derrotados "sempre".

"A distinción a Manuel Fraga déronlla miles de galegos democraticamente ao longo de 16 anos. Algo que non lograrán nunca nin PSOE, nin Podemos, nin BNG con todos os seus complexos ante quen lles derrotou sempre en eleccións e en compromiso coa súa terra", recolle a publicación de Feijóo, en referencia ao que foi presidente da Xunta ata 2005.

José Manuel Blanco, candidato de Ciudadanos en Lugo co busto de Manuel Fraga
José Manuel Blanco, candidato de Ciudadanos en Lugo co busto de Manuel Fraga | Fonte: C's

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta