Que pasa no Irixo?

No Irixo pasa que manda máis o alcalde có pobo. Concibe a práctica democrática como unha actividade singular de catro en catro anos. No medio, calados. Xa está el para mandar que para algo delegou a cidadanía o seu poder político. Así conciben a democracia: eu son elixido, eu son quen mando. E punto. Así pensa Manuel Penedo, alcalde do citado concello.

Por Xurxo Martínez | Vigo | 12/01/2012

Comparte esta noticia

Isto pasa no Irixo e pasa en tantos sitios onde unha decisión de relevancia non é consultada co pobo. Aquí non se trata de facer un referendo por todo o estado. Nin falamos dun concello de quince millóns de habitantes. Bastaba con esculcar a opinión da veciñanza. Porén, ante un estafador deste calado, debe ser o propio pobo quen asuma o control do concello. Xa sucedeu hai anos nos conflitos de Cangas do Morrazo ou de Allariz.

 
Nos municipios pequenos debería resultar máis doado practicar a democracia no cotián. É teima, din, pero que ben se faría de dotar de vida política ás parroquias, con consellos parroquiais ou alcaldes pedáneos. Pero no Irixo hai un alcalde elevado a ditador que semella traerlla ao pairo construír unha incineradora no concello.
 
A proposta ten unha repercusión directa. Pois no canto de atoparmos un alcalde que abra unha rolda de contactos e coñecer as inquedanzas dos colectivos sociais, opta por decretar o que lle pete sen agardar por ninguén. Como se o seu cargo non respondese a unha elección popular, como se estivese alí como o xefe dun chiringuito que tanto lle ten o que diga o persoal.
 
Colectivos veciñais, sociais, políticos, sindicais, ecoloxistas e mesmo relixiosos xa amosaron o rexeitamento á incineradora. Fixeron unha numerosa manifestación estes días que rematou nas portas do concello. Pois nin caso. Todo o contrario. Manuel Penedo, o alcalde, dedicouse a inxuriar nos medios da extrema dereita (concretamente na radio de Jiménez Losantos) a varias das persoas que forman parte desa oposición veciñal, dende o crego até o arquitecto pasando polos intelectuais do municipio. E non tivo pelos na lingua.
 
O que non damos comprendido é que interese ten Manuel Penedo en que se constrúa esa planta no Irixo. Cal é a súa motivación? Algo cheira mal no Irixo denantes de construír a incineradora.
 
Máis información: www.incineradoranoirixonon.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xurxo Martínez González Xurxo Martínez González naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega pola U. de Vigo e publicou a tese sobre o xornal La Oliva (1856-1857). Publicou estudos de diferente materia (La Oliva¸ Martín Sarmiento, Villar Ponte, Luís Soto...) en revistas como A Trabe de Ouro, Grial, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses ou en Arraianos. Colaborou en Vieiros.com, dende 2006 até o seu peche, n´A Peneira, Novas da Galiza e Altermundo. En 2007 publicou Fuco Gómez (AGER) e en 2011 sairá do prelo Luís Soto. A xeira pola unidade (Edicións Xerais). Preside o Colectivo Cultural A Nave das Ideas (http://anavedasideas.blogaliza.org/) e é autor do blogue O marmurio das ondas (http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/)