A ponte dos deuses: a aventura continúa

A exploración emocional de Gabriel Rei-Doval entra, nesta vixésimo sexta entrega de 'Viaxes sen Lee', en terras Puyallup e Yakima de Oregón, preto das costas do Pacífico.

Por Gabriel Rei-Doval | Mount Hood (Oregon, USA) | 14/05/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Deixei descansa-los dilemas de Idaho porque, digan o que digan Descartes e Newton, as mellores solucións aparecen sempre en estado de repouso, cando menos de mente. 

No Oregon Trail, camiño de Portland
No Oregon Trail, camiño de Portland

A miña aventura continuaba camiño de Portland, tras semanas de periplo polas chairas estadounidenses. Crucei a fronteira estatal e no museo de Burns conectei de vez co Oregon Trail e maila inminente costa do Pacífico. Nos dous días de camiño, con parada na turística Bend, resolvín prolonga-la aventura alén do Pacific Northwest polas catro esquinas do país. Tralas semanas transcorridas comprobara o valor da soidade en movemento tanto coma o éxito do meu acento galego polos vieiros estadounidenses, e o espertar da forza animábame a continua-lo periplo por territorios costeiros.

Camiño de Mount Hood, a calidez india na reserva de Warm Springs esvaeuse. As termas pechadas parecían lembrarme a dureza silenciosa de Pikes Peak. Por iso, sen pensalo máis, saín cara a Mount Hood, a sagrada montaña nativo-americana onda o Río Columbia.

Nos tempos dos avós dos nosos avós, as dúas beiras do río estaban conectadas pola Ponte Tamanawas (ou ‘ponte dos deuses’), que o Grande Espírito construíra para conecta-los pobos das dúas ribeiras. Por un tempo, conta a lenda Wasco, as xentes do lugar padearan en canoa por un río tranquilo e máxico do que gozaban sen problema. Mais os outeiros próximos, asexados por espíritos posuídos polo medo e a ira, non puideron mante-la paz no río Columbia. 

A zona era coñecida desde a noite dos tempos como o lugar onde xurdiu o primeiro lume, que converteu o lugar en sagrado e moi visitado. Loowitlatkla (‘a muller do lume’), non contenta coa inmortalidade recibida do Grande Espírito, quixo asemade recupera-la perenne beleza da súa mocidade. E como vivía no centro da ponte coidando do lume os deuses concedéronlle o don da fermosura eterna. Iso atraeu coma potente imán os desexos intensos dos mozos máis senlleiros e rufos da contorna: Wy-east, que habitaba no sur, e Pah-To, procedente do norte. Quizais polo seu carácter mítico, ámbolos homes rivalizaron por conquista-lo lume de Loowitlatkla e os seus elixires máis divinos. Non escatimaron esforzos nin determinación na súa pretensión, e a muller que coidaba do lume non daba decidido a cal deles renderse mentres a cobiza dos pretendentes medraba canda a súa ousadía. Ámbolos dous pelexaron entre si de maneira feroz e, traizoando o lume sagrado de Tamanawas con carraxe, queimaron aldeas, calcinaron bosques e destruíron canto atoparon ó seu paso.

Entrando en Oregón por Bend: a aventura cara ó Pacífico continúa
Entrando en Oregón por Bend: a aventura cara ó Pacífico continúa

O Grande Espírito Sahale, loxicamente anoxado pola ira dos pretendentes e asemade pola neglixencia da muller, derrubou a ponte e mailos tres amantes, que petrificados caeron no río, dando lugar ás montañas da bisbarra: Santa Helena, Mount Adams e Mount Hood. Así se esborrallou calquera posible éxtase cupidesca e o amor frustrado dos amantes acabou convertido no triángulo montañoso do río Columbia en Oregón.

Desde que o mundo é mundo, amor, dureza e destrución forman un triángulo embeleñado que se repite demasiadas veces, sexa en Mount Hood, Pikes Peak ou Gormaz. Os humanos, adoito neglixentes na procura e coidado do lume, fenecemos devorados polos seus excesos; e os galegos, confundindo lume e fogo, caemos por veces petrificados no río da conciencia, sen volta atrás nin rectificación posible. E tanto dá que sexa no Río Columbia, no Miño ou no Douro. A petrificación inerte é sempre resultado derradeiro, e fogo interno e lume desatento viran sen remedio en dureza fría, áspera e silenciosa. Por iso cómpre termar do lume, propio e alleo, sen danar nin ameaza-la ponte dos deuses, en Oregón, en Galicia, xalundes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA