Por E.P. | A CORUÑA | 23/05/2019 | Actualizada ás 20:46
A candidata ao Parlamento Europeo do BNG Ana Miranda, o candidato nacionalista á cidade herculina, Francisco Jorquera, e o escritor Manuel Rivas desenvolveron este xoves no porto da Coruña, a bordo do barco 'Primeiro Vilar', unha acción de protesta para reclamar a retirada de residuos radioactivos da costa galega e denunciar a "falta de control" dos mesmos.
Tanto Miranda como Rivas insistiron en que Galicia non quere "cemiterios nucleares", á vez que reclamaron ao Estado español un control das 140.000 toneladas de residuos nucleares depositados, entre 1949 e 1982, en 220.000 bidóns na Fosa Atlántica, segundo o BNG.
"Non se fixo un control das verteduras e cada Estado ten que dar datos á Unión Europea e non se fixo", expuxo Miranda. "Temos que facer presión para que o novo goberno tome cartas no asunto", recalcou.
"O mar é o máis indefenso sempre e hai que ter conciencia de que sendo o máis indefenso é o máis importante para un medio ambiente sustentable", expuxo, á súa vez, Rivas. "Este acto de memoria ten moito de futuro porque estamos a falar dun cemiterio nuclear", recalcou o escritor.
Manuel Rivas apoiou á Marea Atlántica na súa posta en marcha nas pasadas eleccións municipais de 2015. De feito, chegou a apoiar ao candidato e actual alcalde, Xulio Ferreiro, no acto de peche de campaña. Agora, catro anos despois participou nun acto do Bloque, coa presenza do candidato nacionalista á Alcaldía, Francisco Jorquera, na recta final para as eleccións do próximo domingo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.