Turismo gasta 1,1 millóns en externalizar servizos de comunicación, mentres hai falla de prazas na sanidade

Aposta por que sexan empresas alleas á Xunta as que realicen os servizos de comunicación dixital e redes sociais. A Xunta xa destinou case seis millóns en accións de propaganda da Estratexa de Turismo Galicia 2020.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/06/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Axencia Turismo de Galicia mantén abertos ata tres concursos públicos para a externalización e a realización de servizos básicos de comunicación, sobre todo, no eido dixital. Uns servizos que lle van custar aos galegos máis de 1,1 millóns de euros e que se suman aos case seis millóns de euros destinados por este departamento á propaganda institucional. Uns concursos que contrastan coa falla de ofertas e concursos públicos para dotar á sanidade pública de máis médicos ou enfermeiros.

Así, os novos concursos abertos por Turismo de Galicia teñen que ver con accións de comunicación dixital da campaña de promoción turística de Galicia, o mantemento da axenda cultural de eventos de carácter turístico e a estratexia de comunicación nas redes sociais. En total, case 1.125.000 euros.   A Xunta xustifica o primeiro dos concursos porque “hai unha porcentaxe moi elevada dos contidos de promoción e da comercialización dos produtos turísticos se realiza a través de Internet” e que é nese ámbito onde “cómpre desenvolver as accións publicitarias da Axencia de Turismo de Galicia e do Camiño de Santiago”.

Por iso, o obxecto da campaña é promocionar os recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia, así como do Camiño de Santiago en particular, nos medios dixitais. Neste sentido, desenvolverase unha campaña publicitaria no ámbito nacional e internacional “que sirva para xerar notoriedade de marca, apoiar a comercialización dos produtos turísticos e gastronómicos de Galicia a fin de incrementar o número de visitas á wev da Axencia de Turismo de Galicia e do Camiño”. Para obter isto, a Xunta investirá 840.000 euros neste concurso.

Paralelamente, investirá outros 200.000 euros en “impulsar un conxunto de estratexias e accións de comunicación dixital” nas redes sociais. O obxectivo desta contratación é deseñar e executar un social media plan para a Axencia de Turismo de Galicia que incluirá contidos –textos, imaxes e vídeos-- e a difusión en distintas plataformas sociais de contidos específicos de turismo, do Camiño e do Centro Superior de Hostelería de Galicia.

Feijóo con Nava Castro na promoción dun evento turístico
Feijóo con Nava Castro na promoción dun evento turístico | Fonte: Xunta.gal

Finalmente, a xunta destinará 84.216 euros para a contratación do servizo de mantemento da axenda cultural de Turismo, consistente en recompilar os eventos turísticos das sete cidades máis importantes de Galicia, festas de interese turístico, eventos de interese relacionados co Camiño, coa finalidade de incorporar estes eventos á axenda cultural da Consellería de Cultura a través de ferramentas informáticas en galego e castelán.

ESTRATEXIA DE TURISMO

Estes novos contratos súmanse aos case seis millóns que Turismo destinou para accións de publicidade e propaganda da Estratexa de Turismo Galicia 2020, un plan no que quere avanzar en retos como a desestacionalización e a diversificación do turismo e impulsar o Camiño de Santiago ante a proximidade do Xacobeo 21.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Prisciliana

Cándo nos decataremos os galegos que os Xacobeos son un cabalo de Troia pra Galiza? É turismo subvencionado pola Xunta, é proselitismo nacionalcatólico, son cartos pra igrexa desgaleguizadora, é El Camino... Nos xornais, na tvg, todo é publicidade e invención de novos camiños todos os anos. Españolización dunha Galiza colonizada (noroeste de España, la España verde, fiesta...). A ninguén lle extraña esa fixación do frijol polo xacobeo???

1 fora com eles

moito obrigado por plasmar a verdade de xeito claro

1 Xesús Ateo Recalcitrante

E supoño que os principais beneficiarios serán empresas do Grupo Voz, da editora de Faro de Vigo, do Correo Gallego, da Región e do Progreso de Lugo. Coma sempre, vamos.