Vividores, usurpadores: miseria

Chamémoslle Manuel. De mozo fora camareiro, pódese dicir que nunca outra forma de vida coñeceu. A súa vida foi, é, a hostalería. Tenas pasado bastante mal, desde recibir trato vexatorio ata ver feixes de horas traballadas sen recibir un patacón de salario. Casado e con fillos, de traballos precarios a contractos temporais sen nunca coñecer a normalidade laboral.

Por Xoán Vázquez | New Yersey, EE.UU. | 17/02/2012

Comparte esta noticia

Esa foi a vida de Manuel durante moitos anos, todos ata que puido abrir o seu propio negocio. Acougándose nas súas conviccións, nunca se deixou levar polo resentimento. Manuel sempre o tivo ben claro, a canto máis desprezo  sufrido ás mans dos déspotas máis se ennobrecería, máis determinación e máis compromiso coa vida ética e moral. Nunca ansiou ser un “colocado”. O del non era ser un parasito sen máis ansias que atopar un lugar onde arrombarse un puñado de horas cada día. O que si ansiaba era una relación normal co traballo onde os piares da seguridade laboral estiveran ancorados ao esforzo e sacrificio, ou sexa, na ética laboral. Nunca no seu peto entrou unha peseta que non for producto do seu traballo (enténdase, honrado, que nas épocas que corren se cadra non sobra a aclaración). Prometeuse a el mesmo vivir una vida honorable e decente, nunca facerlle a outros o que a el lle fixeron.  Cando algúns dos millóns de gotas de suor se convertan en pesetas e con elas poida abrir o seu propio negocio, os seus empregados han ser tratados con toda a dignidade que a el lle foi prohibida. 
 
E o día chegou. Abriu un baixo, poliédrico, onde a base de cafés viños e aínda tamén  un reducido menú se vai labrando unha vida e erguendo unha familia.  Traballábano el e maila muller. Non hai días de descanso. Non hai turnos. Hai traballo, traballo a cotío.  Máis adiante tamén se engadiu ás labores a filla. A filla, estudante  universitaria, non  podía  dedicar xornada completa ao negocio; chegou a hora de procurar empregados, alternarse días de descanso e tamén os horarios de abrir e pechar. 
 
Contratan dous  mozos. Un deles pouco durou, o del non era a hostalería. Non tiña o temperamento que reclama a iteración constante co cliente. Foi despedido. Sen alevosía, pero despedido.  O outro,  chamémoslle Tucho, si amosaba ser feito a medida para dar resposta aos reclamos da dinámica da hostalería. Tucho amosa ser amable e serio, doutra maneira xa nin houbera sido considerado. Aínda sendo amable e serio hai que probalo cun contracto temporal: Coa atención ao cliente, ao negocio, non se pode xogar; lembremos que no negocio repousan os aforros de moitos anos de sacrificio, e é o sustento de toda a familia. Contracto temporal, si, pero tamén facerlle saber que unha vez demostrada a súa valía axiña o farían permanente. Tucho é puntual, aprende rápido, é atento e  adhírese ás regras e normas do negocio.  Renóvanlle o contracto temporal mentres o observan a ver se é a persoa que lle fai falta ao negocio. Tucho  demostra a súa valía. Xa os catro poden rotarse días libres e tamén os horarios de apertura. Tucho gana a confianza da familia. E como non podía ser doutra maneira no negocio dun home decente e honorable, a Tucho déuselle contracto indefinido.  
 
Poucos foron os meses que pasaron desde a firma do devandito contracto antes de que Tucho  sucumbira á cultura do vividor na que foi adoutrinado, e guiado polos instintos de rata de peirao  comeza a coller días libres, alegando enfermidade,  cada vez con máis frecuencia, cada vez con máis descaro. As enfermidades de Tucho, a máis; a atención ao cliente, a menos. As baixas psicolóxicas non tardaron, e destas as máis frecuentes nas datas máis emblemáticas. O dono do negocio, a súa muller e maila filla xa nunca máis puideron ter días libres, xa nunca máis puideron descansar; eles non teñen dereito a enfermar. O desprezo de Tucho á ética laboral e á viabilidade do negocio é cada día máis aparente. O moi traidor sabe que os donos non poden deixar afundir o negocio e que nun mundo de vividores esa é a única maneira de se poder desprender desa carga maldita na que el se converteu.  Manuel consulta un avogado. O avogado dille que una vez contracto indefinido, mentres o sistema lle permita as baixas psicolóxica, o parasito ha continuar chupándolle o suor e sangue a quen tanto ben lle quixo facer. E un preguntase, aínda asumindo que as enfermidades de Tucho fora xenuínas, que sociedade (non suicida) lle manga esa carga a una pequena empresa familiar?
 
Por moi minoritarios que sexan estes casos, e teño que crer que son moi minoritarios, son abondos para cargarse a moitas empreses, sobre todo a empresas familiares con cero  capacidade de sobrevivir  estes latrocinios. E as leis dun país civilizado non poden estar ao servizo dos parasitos, non poden alimentar a decadencia ética e moral da sociedade.    De feito, reportan os xornais que xa son máis de 250,000 as empresas que pecharon, e aínda quedan como mínimo dous anos de inferno por camiñar. Cantas desas empresas non estarían a salvo se as leis foran feitas para infundir ética e moral e protexer o esforzo e sacrificio que acarrexa erguer unha empresa familiar. A cantas máis non lle agarda a ruína por “las bajas psicológicas” dos usurpadores.
 
Está claro que os vividores como Tucho son un cancro no corpo vivo da masa laboral, e hai que extirpalos  porque non só destrúen un posto de traballo, destrúen empresas, familias, e como derradeira consecuencia sociedades enteiras. O paro vai camiño do 25%, cifra alarmante, inasumible, mesmo inevitable mentres lle permitamos aos usurpadores levar as empresas á ruína. 
 
Cando xa daba por rematada a miña leria, saio a peteirar nos xornais e atópome con esta barbaridade. Aí finou a pouca esperanza que aínda me quedaba de que esta sociedade varias veces desnortada algún día poida erguerse da esterqueira ética e moral na que está embrollada. “Una empleada fantasma lleva siete años cobrando sin ir a trabajar…  trabaja en una empresa en la que encadena bajas por enfermedad desde 2004. Le han denegado la incapacidad en tres ocasiones y su empleador se ve obligado a seguir pagándole… Así lleva desde marzo de 2004 María Lourdes Sousa. Trabaja como administrativa en Tecniseco… desde el 3 de marzo de 2004, según reconoce la propia trabajadora, ha pisado la oficina poco más de veinte días. Son ya más de siete años encadenando bajas por enfermedad”.
 
Como somos tan competitivos, carguémoslle ás empresas as funcións propias de Servizos Sociais. Cada cousa é para o que é; as empresas non deben ser cárceres, pero tampouco as podemos transformar en manicomios e hospitais. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/