Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2019 | Actualizada ás 18:59
O socialista Ángel Mato, que este sábado se converterá previsiblemente en alcalde de Ferrol en minoría, co apoio no pleno de investidura de Ferrol en Común e BNG, mantén abertas as negociacións para establecer pactos de goberno.
O pleno celebrarase ás 12,00 horas no Concello. Ángel Mato sumará aos oito votos do PSOE o apoio dos 3 edís de Ferrol en Común, formación que liderou o goberno local este último mandato, e os dous do BNG. Ambos os partidos xa transmitiran o seu apoio ao candidato socialista na mesma noite electoral.
Pero unha vez que se peche o pleno de constitución da corporación, os socialistas confían en continuar coas súas negociacións xa esta próxima semana, para establecer posibles gobernos de coalición, coa data límite do 14 de xullo.
Fontes próximas a Europa Press precisaron que o PSOE mantivo durante os últimos días de maio encontros informais co cabeza de lista de Ferrol en Común, Jorge Suárez --actual alcalde en funcións--, e de BNG, Iván Rivas. Coa formación de FeC tamén se desenvolveron encontros durante esta semana, mentres que cos integrantes do BNG este tipo de aproximación non se chegou a producir.
En Ferrol chegarase á sesión de investidura deste sábado sen pechar ningún acordo político de goberno e quedando pendente continuar coas negociacións unha vez tomen posesión da súa acta os novos edís.
CHAMADA AO PARTIDO POPULAR
Pola súa banda, o grupo municipal do Partido Popular, liderado por José Manuel Rey Varela, será o partido con máis representantes no Concello de Ferrol, formado por doce edís, a tan só un da maioría absoluta.
O cabeza de lista do PP sinalou que nos últimos días recibiu a chamada de Ángel Mato para falar dalgúns asuntos importantes da cidade, pero lamentou que dita comunicación non fose para "falar de gobernabilidade, sendo o noso o grupo máis maioritario do pleno."
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.