Que non se repita unha vaga de lumes como a de 2017

Foi o desexo expresado por deputados galego na súa visita ao centro de coordinación. A oposición reclama melloras na política forestal da Xunta e o PP ve "moi boa dispoñibilidade" para un traballo conxunto dos grupos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2019 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

Deputados de todos os grupos parlamentarios visitaron este xoves o centro de coordinación contra incendios, situado en Santiago de Compostela, para coñecer o seu funcionamento. Alí, fixeron un chamamento a "evitar" que se repita outra vaga de lumes como a de 2017, na que morreron catro persoas e arderon case 50.000 hectáreas.

En declaracións aos medios, a oposición coincidiu en valorar a mellora tecnolóxica no dispositivo contra o lume coa incorporación de máis cámaras de videovixilancia e drones, pero botan en falta melloras en políticas da Xunta como a forestal.

Así, Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), censura que o principal problema de ordenación do monte segue "enquistado", polo que chama a tomar medidas para "evitar outra desgraza como a do 2017 ou 2006".

Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) valora o incremento de medios tras a vaga de lumes de 2017, pero chama a que medidas da Xunta "non queden no papel" para "non volver ter a situación tan dramática que se viviu" hai dous anos.

Respecto diso, Davide Rodríguez (En Marea) considera que as novas tecnoloxías "nunca poden substituír ás antigas casetas de vixilancia e ao persoal tan cualificado" de Galicia.

Pola súa banda, o deputado do PPdeG Moisés Branco considera que houbo un "antes e despois" da vaga de lumes de outubro de 2017, mentres valora o "gran dispositivo". Para a actual campaña despréganse 88 cámara que cubrirán o 54% do territorio, á vez que se pon en marcha oito drones para diferentes tarefas de prevención e vixilancia.

Deputados galegos chaman a 'evitar' que se repita outra vaga de incendios na súa visita ao centro de coordinación
Deputados galegos chaman a 'evitar' que se repita outra vaga de incendios na súa visita ao centro de coordinación | Fonte: Europa Press

PACTOS

Sobre o recente chamamento no Parlamento do conselleiro de Medio Rural, José González, a todos os grupos para selar un pacto contra os lumes, o deputado do BNG mostrouse escéptico.  Xosé Luís Rivas observa "un problema estrutural" no monte galego. "E mentres non se ataque en profundidade, nós non estaremos de acordo nin estaremos nese pacto", agrega.

Sobre este punto, Moisés Branco Paradelo cre que existe o "mellor ambiente de consenso de traballo" na loita contra incendios entre os deputados da comisión de Agricultura. Explica que mantiveron unha reunión co conselleiro e ve "moi boa dispoñibilidade de todos os grupos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta