O debate iniciado por Greta Thunberg tamén chega ao profesorado: A Educación Ambiental debe implantarse nos colexios?

Teachers For Future é un movemento que busca alertar da "emerxencia climática" que estamos a vivir e actuar en consecuencia nos centros de ensino. As súas reivindicacións van dende o apoio das enerxías renovables ata a substitución de obxectos "non sostibles" como as botellas de plástico dentro dos colexios. Fronte a isto, existe unha postura dentro do profesorado que non considera adecuada a praxe por parte do movemento.

Por Brais Nogueira | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2019 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

“Dirán que queren aos seus fillos pero lle están a roubar o futuro”. Con esa contundencia falou en Polonia ante os líderes mundiais Greta Thunberg, impulsora de Fridays for Future, o movemento polo clima que provoca división de opinións; tanto ten un crecente seguimento a nivel mundial como unha parte importante de detractores. Por unha banda, están os que se renden ante unha situación que parece cada vez máis insostible para a supervivencia do ser humano no planeta. No polo oposto atópanse as persoas que lles parece sospeitoso que unha nena de dezaseis anos con Asperger sexa quen de ter un apoio internacional tan grande sen intereses doutro tipo por detrás.

Bosque autóctono de Galicia.
Bosque autóctono de Galicia. | Fonte: EP

Teachers for Future xorde a partir deste movemento en países como Suecia ou Alemaña como un xeito de reivindicar a Educación Ambiental nos centros de ensino. En febreiro deste ano, a profesora Miriam Leirós, que xa levaba reivindicando este aspecto con anterioridade, contactou con eles para informarse. A situación aquí era que non había ningún tipo de representación do movemento e ela decidiu pór a primeira pedra do que é a día de hoxe Teachers for Future Spain. “Para difundilo utilizamos o blogue El Guiño Verde, no que con anterioridade varios profesores xa reivindicábamos estes temas”, explica Leirós.

Ester Vázquez, unha das persoas que conforman o movemento, indica que hai estudos que falan de que en 30 anos as condicións de vida cambiarán drasticamente no planeta: “Existe o temor a que imos ser as xeracións que o vivan en primeira persoa e aí temos que estar os profes para arroupar ao noso alumnado. Ademais, o Estado Español é unha das zonas que máis afectada se verá polo gran risco que corre de desertización”.

Entre as campañas que xa levaron a cabo os cada vez máis centros que se unen a Teachers for Future -aínda que non é posible cuantificalos con exactitude xa que non levan un rexistro oficial- destaca por exemplo os Recreos sen Residuos, onde se fomenta que os nenos non traian a clase obxectos como botellas de plástico ou panos de papel para substituílos por outros obxectos “máis sostibles” como cantimploras e panos de tela. Tamén a visualización masiva do documental Before the flood, protagonizado por Leonardo Di Caprio.

"O Estado Español é unha das zonas que máis afectada se verá polo gran risco que corre de desertización”.

Bosque
Bosque | Fonte: EP

“Outra das cousas que queremos pór en marcha nun futuro é o que chamamos Camiños Escolares Sostibles. Para aforrar CO2, queremos que os concellos poñan un coidador en diferentes zonas para que así sexa seguro que os rapaces volvan a casa andando”, explica Leirós. “En definitiva, nós o que queremos é predicar co exemplo. Apostamos a que os centros se manteñan con enerxías renovables e que non xeren residuos de ningún nivel”, engade.

A iniciadora do movemento en España admite que “é necesario levar todas as reclamacións aos ministerios de Educación e Transición Ecolóxica”, porque se necesitan “políticas fortes” neste sentido. “Ao final todas as persoas que estamos aquí prescindimos do noso ocio para traballar nisto”, sinala.

ALUMNADO

Para ambas representantes do movemento, a implicación do alumnado é adecuada ante os estímulos. Para Leirós, a súa receptividade é moi positiva: “Eles son os que máis se poñen no lugar da natureza e do medio ambiente nunha sociedade no que todo parece ser economía e consumismo”. Ademais, asegura que os nenos son “uns grandes educadores dos adultos ao sinalarlles os erros aos pais”.

Vázquez apela á responsabilidade do profesorado neste asunto: “Non debemos preparar soamente  aos nosos alumnos para que se poidan desenvolver en empregos que nin tan sequera existen a día de hoxe, senón que deben poder sobrevivir nunhas condicións de vida ambientais que non coñecemos, pero seguro que serán moito máis duras”

EMERXENCIA AMBIENTAL

Xunto con numerosas organizacións, entre as que se atopan Greenpeace ou WWF, Teachers for Future asina unha moción para que os concellos recentemente formados tomen conciencia “do estado de emerxencia ambiental no que nos atopamos”, sinala Vázquez. “No texto fálase principalmente das emisións porque a pegada do carbono é a máis grande. Se non baixan, non se pode reverter a situación pero non é para nada o único problema. Hai unha morea de cousas que se poden facer, como cambiar o modelo de turismo, apostar por produtos ecolóxicos ou abrir sendas verdes”.

“Tamén entendemos que facer unha folla de ruta adaptada a cada localidade é un proxecto a medio ou a longo prazo”, indica a profesora, pero considera esta acción como “algo tan simbólico como necesario” porque “é unha forma de que os partidos políticos saiban que a cidadanía está pulando por isto e loitando”.

UNHA VISIÓN CRÍTICA

Fronte ao colectivo ecoloxista, existe unha corrente moi crítica dentro do profesorado co movemento. Unha das profesionais que opina deste xeito é Aurora Rodríguez. Ela non está en contra de incluír a Educación Ambiental no currículo dun xeito activo, pero considera que “lograr iso é suficiente”.

É moi crítica coa praxe que se está a dar por parte dos profesionais: “Como docentes, no momento no que se detecta que existe unha problemática, o noso deber é analizar previamente todos os seus condicionantes antes de actuar, cousa que neste caso considero que non se está a facer”. Ademais, sorpréndelle que as reivindicacións medioambientais nas escolas non vaian acompañadas doutras eivas como a masificación do alumnado. “Poñer isto enriba da mesa deste xeito ao final tapa ao outro. É case unha tomadura de pelo”.

"O noso deber é analizar previamente todos os seus condicionantes antes de actuar, cousa que neste caso considero que non se está a facer

Respecto ás accións que defende Teachers For Future, sinala que en ocasións poden ser moi prexudiciais para os nenos: “Moitas familias están nunha situación dedicada e non poden facerse cargo de lavar todos os días o pano de tela. Cando un neno un día non trae a clase isto e os outros si, o lóxico é que haxa un sinalamento e non un calquera, senón como un dos culpables de que o planeta estea a morrer. Como vou a defender como docente isto?” Pregúntase.

En síntese, a Rodríguez todo isto lle parece “unha instrumentalización da aprendizaxe dos nenos cara uns intereses ideolóxicos” e advirte que “detrás das enerxías renovables tamén hai grandes poderes económicos, cousa que moitas veces se obvia”.

Eucaliptal de Chavín eucalipto bosque. XUNTA - Arquivo
Eucaliptal de Chavín eucalipto bosque. XUNTA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Se qureremos facer algo en positivo poñamos paneis solares en tódolos tellados dos Centros Escolares e convirtámonos en productores de electricidade limpa e cos excedentes ao longo do verán... financiamos unha EDUCACIÓN DE CALIDADE !!! (o activismo e a manipulación dos cativos mellor para os seus pais que andan moi ocupados indo en coche a todos lados, e botando horas e horas sen falar cos seus fillos... Actividades NON gracias!)